O PP: “O tripartito leva 10 meses enganando á veciñanza de Pedra Alta”

Cangas (Pontevedra), 21 de setembro do 2026.-

A resposta da alcaldesa de Cangas confirma, para o PP, que o goberno municipal non ten hoxe nin proxecto nin capacidade para executar a reforma da avenida de Bueu, unha actuación que os propios responsables municipais presentaron como prioritaria para Pedra Alta. “A realidade é que o BNG, PSOE e EU deixaron fóra este proxecto da proposta que vai a Pleno. Mentiron entón e continúan mentindo agora” afirman. “O problema non é de recursos económicos, teñen case 6 millóns de euros durmindo nos bancos, senón de incompetencia e xestión” engaden.

Os populares lembran que a moción impulsada pola Asociación de Veciños de Pedra Alta foi aprobada por unanimidade no Pleno de novembro de 2025 e que, posteriormente, o goberno asegurou que traballaría na redacción do proxecto coa intención de levalo ao Pleno no primeiro trimestre de 2026. “Incumpriron punto por punto aquela moción que eles mesmos apadriñaron e aprobaron como fan con todos os acordos plenarios” explican. “Tanto é así que en abril, a propia asociación veciñal denunciaba xa que levaba cinco meses sen recibir información sobre o estado da actuación” continúan.

Para o PP, resulta “surrealista” que agora se responsabilice á oposición da situación de Pedra Alta. “Durante meses dixeron que o problema eran os remanentes e que a oposición impedía actuar. Agora que os remanentes están sobre a mesa, a avenida de Bueu segue sen proxecto e queda fóra da proposta», sinalan. Os populares sinalan que se a actuación era unha prioridade para o equipo de goberno, “onde está o proxecto dez meses despois da aprobación da moción?”

O PP lembra tamén que solicitou en varias ocasións acceder aos proxectos e expedientes das actuacións anunciadas polo goberno e que segue sen recibir a documentación que permita coñecer o seu grao real de tramitación. “Todo o que levan anunciado é fume” sentencian.

“Sempre imos a apoiar proxectos para a nosa vila” insisten. “O que non imos apoiar son cheques en branco a un goberno mentireiro e en minoría que é incapaz de dialogar coa oposición para chegar a acordos. Se hai proxectos, que os presenten, que expliquen canto custan, en que estado están e cando se poden executar. Pedra Alta merece certezas, non máis falsas promesas nin máis escusas”, rematan.