O PP leva ao Pleno unha moción esixindo ao Estado a saída da AP-9 en Portosanto e a instalación de pantallas acústicas
Poio, 25 de agosto de 2026.
O PP de Poio levará ao Pleno municipal de mañá, martes, unha moción esixindo ao Goberno de España a creación dunha saída da AP-9 en Portosanto, a instalación de pantallas acústicas ao paso da autoestrada polo municipio, reunións coa Delegación e Subdelegación do Goberno para falar destas actuacións e, en definitiva, “que acabe o desprezo do Goberno de Sánchez á veciñanza de Poio”.
Os populares denuncian que estas actuacións veñen sendo reclamadas durante os últimos anos e, en distintas ocasións, respaldadas de forma unánime pola Corporación, pero continúan “sen noticias, sen datas, sen orzamentos e sen previsións”. Critican, ademais, que a Delegación do Goberno nin sequera atendese a petición de reunión do alcalde, Ángel Moldes, para facer un seguimento destas demandas e buscar vías para avanzar na súa execución.
A moción recupera a proposta de construír unha saída da AP-9 en Portosanto, no punto quilométrico 130 en dirección a Vigo, aproveitando a conexión xa existente coa PO-309 e terreos de titularidade estatal. Trátase dunha actuación tecnicamente viable e asumible que permitiría mellorar o acceso a San Salvador e San Xoán e desconxestionar o nó da Barca, a PO-308 e a PO-531, nunha contorna que soporta máis de 23.000 vehículos diarios, 1.200 deles pesados.
Esta petición xa recibiu o apoio unánime da corporación, a última vez en agosto de 2024 a raíz dunha moción dos populares. O Goberno de Sánchez, porén, non deu ningún paso para levala a cabo.
O texto reclama tamén que o Estado instale pantallas acústicas ao paso da AP-9 por Poio para reducir as molestias ocasionadas polo tráfico e o impacto do ruído sobre a calidade de vida da veciñanza. Os populares destacan que pese as demandas dos veciños de Poio e outros concellos da contorna, o Ministerio de Transportes non incluiu esta zona no “Mapa de Ruídos” das vías estatais aprobado a principios deste ano.
Os acordos inclúen solicitar novamente unha reunión coa Delegación do Goberno en Galicia e coa Subdelegación en Pontevedra, así como a colaboración da Xunta no que sexa necesario para impulsar ambas as actuacións.
“Son propostas lóxicas, viables e demandadas de forma unánime desde hai anos polos veciños e pola Corporación”, sinalou a concelleira popular Rocío Cochón. Porén, leven anos atopándose cun Goberno de Sánchez “sen vontade política nin capacidade de xestión”, incapaz de aprobar uns Orzamentos Xerais do Estado no que vai de lexislatura e empeñado en incumprir coas infraestruturas e investimentos que Poio necesita.
Cochón ironizou con que “evidentemente, non somos os únicos abandonados por Óscar Puente ou polo Goberno de Sánchez”, que presenta unha xestión catastrófica en todos os ámbitos que dependen do Estado na provincia e en Galicia coa complicidade do BNG, pero “mal de moitos…”A edil popular destacou que estas propostas formaron parte dos programas do PP ás eleccións municipais en todas as últimas eleccións, apoiados masivamente pola veciñanza, e que desde o Partido e o Goberno local intentouse facelas realidade, con solicitudes de reunión e emendas aos Orzamentos Xerais do Estado -rexeitada cos votos de PSOE e os seus socios. “Volveríamos presentar unha emenda pero xa nin presupostos hai”.
Cochón recordou que “con que Óscar Puente deixara de escribir insultos durante 10 minutos ao día” e dedicase ese tempo a encargar un informe para a saída da AP-9 en Portosanto ou as pantallas, “xa podería estar feita”, pero “cada vez está máis claro que, mentres non haxa un cambio na Moncloa e un Goberno serio presidido por Alberto Núñez Feijóo”.
Con todo, subliñou, “é a nosa obriga seguir insistindo, defendendo os intereses da veciñanza e reclamando, cantas veces sexa necesario, as infraestruturas e investimentos que Poio merece”, polo que pediu a PSOE e BNG que apoien a moción no Pleno “aínda que o mellor para Poio sería que tamén deixasen de soster o peor goberno da historia democrática de España, o de Sánchez en Madrid”