O PP lanza o seu “proxecto de rexeneración e esperanza” para o futuro de Redondela a 600 días das eleccións municipais
Redondela, 16 de setembro de 2025.-
O PP de Redondela vén de lanzar o seu “proxecto de rexeneración e esperanza” para o futuro do municipio cando restan pouco máis de 600 días para as eleccións municipais de 2027 no marco dun ‘Tardeo de Verán’ celebrado no serán de onte e que reuníu a máis de 200 persoas no Pazo de Petán.
O acto, celebrado cun novidoso formato informal, contou coa presenza do presidente provincial do PP e da Deputación de Pontevedra, Luis López; o presidente local e voceiro municipal, Javier Bas; o voceiro parlamentario do PPdeG, o redondelán Alberto Pazos; a secretaria xeral dos populares locais, Susana Cabaleiro; todos os edís do grupo municipal; militantes, simpatizantes e colaboradores; e outros deputados autonómicos da provincia como Loli Hermelo, Míchel Fidalgo, Feli Rodríguez ou Manuel Santos.
Tras as intervencións de Cabaleiro e Pazos, os concelleiros Ana Alonso, Sandra Bastos, Miguel Álvarez e Iván Crespo explicaron diversas cuestións “que están a funcionar moi erráticamente” no municipio en distintas áreas, como Economía e Facenda, Deportes, Medio Ambiente, Seguridade e Emerxencias, Atención Veciñal ou Servizos Sociais, entre outras, antes de dar paso ao voceiro municipal e ex alcalde de Redondela.
Javier Bas destacou a “ilusión, preparación e capacidade de traballo” do equipo do PP de Redondela e amosouse ilusionado coa posibilidade de obter unha confianza rotunda en forma de maioría absoluta en maio de 2027 “porque Redondela non pode seguir así, non podería seguir nin un día máis, pero lamentablemente teremos que sufrir e padecer aínda 600 días a un goberno que non sabe o que fai e que vai arrastrando os pés”.
O concelleiro popular avogou porque Redondela conte a partires de 2027 cun novo goberno “que ademais non lle sería estrano aos veciños, porque xa tiveron oito anos dun executivo do PP e foi o período máis produtivo e transformador para Redondela”. Bas cre que o novo goberno que substitúa ao actual bipartito dirixido polo PSOE ten que deixar de perder axudas e oportunidades doutras administracións, cifradas en máis de 5 millóns de euros no presente mandato, e de subir os impostos de xeito estratosférico para pagar as débedas do Concello.
Ademais, defendeu a necesidade acometer investimentos estratéxicos e ambiciosos para dotar a Redondela dun auditorio e dun remozado Mercado de Abastos, a Chapela dun pavillón, unha escola infantil e a reforma da Avenida de Vigo, para promover unhas instalacións de atletismo e para atender ao rural cun transporte interparroquial e polas melloras e obras que precisan nos servizos básicos.
“Redondela é un proxecto apaixoante que merece todo o que lle poidamos dar e por iso traballamos absolutamente todos os días, coa máxima das ilusións, para facer do noso municipio o mellor sitio posible, polo que agardamos que os veciños nos outorguen a súa confianza maioritaria para que poidamos acelerar ao máximo os avances, os investimentos e o coidado pola xente que precisa a Redondela do futuro”, concluíu.