O PP lamenta que Regades e Silva recurran “á mentira, a prepotencia e o insulto” para tapar a decadencia electoral e social do PSOE na provincia fronte a “unha Deputación de todos”
Mércores, 23 de xullo de 2025.
O PP Provincial de Pontevedra fixo hoxe unha valoración moi negativa da comparecencia “con tintes surrealistas”, o pasado luns, de David Regades e Carmela Silva para posicionarse sobre o funcionamento da Deputación de Pontevedra e sobre a moción de censura presentada polos populares en Forcarei, xa que lamentou que ambos dirixentes socialistas recurran “á mentira, a prepotencia e o insulto” para tapar a decadencia electoral e social do PSOE na provincia “fronte a unha Deputación que, agora si, goberna para todos”.
A secretaria xeral, Luisa Piñeiro, ironizou sobre as acusacións de irregularidades no organismo provincial sinalando que “é moi posible que, para Carmela Silva, sexa irregular a actual xestión, posto que se atende e recibe a todos os alcaldes, cousa da que ela non pode presumir porque a min, como rexedora de Moraña, tívome vetada cinco anos; que se atenda e escoite aos colectivos e asociacións aos que abandonou nos seus dous mandatos; que non se produzan casos tan vergoñentos como o da súa cuñada; e, en definitiva, que as portas estean abertas para todos moi lonxe do seu sectarismo”.
Neste senso, a representante popular advertiu de que as irregularidades que están pendentes de aclaración versan sobre a identidade da persoa que deu a orde de contratar á cuñada de Carmela Silva para un posto de traballo polo que cobrou sen acudir ao mesmo, “aínda que logo ese formato debeu ser exitoso –ironizou–, posto que o PSOE extendeuno ao Adif para as parellas de José Luis Ábalos e tamén parece ser que pasaba en deputacións extremeñas”.
Piñeiro tamén lamentou que o PSOE insulte gratuitamente ao presidente da Deputación, Luis López, “nun exercicio de prepotencia e supremacismo totalmente censurable” e replicou, sobre o corremento das listas de Rodeiro, que os socialistas “caen de novo nun exercicio contradictorio de hipocresía porque do mesmo xeito chegou César Poza á Alcaldía de Vilaboa ou Blas García á de Ames”.
“O PSOE é un partido que minte directamente sobre o que fan os demais partidos e critícalles o que fan eles mesmos. Están totalmente desnortados e instalados nunha falacia constante”, indicou, antes de revelar que a súa realidade paralela chega a tal punto que se autoproclaman nas súas redes sociais como o partido máis votado da provincia malia perder consecutivamente as catro eleccións, en todos os ámbitos, celebradas entre os anos 2023 e 2024.
Moción de censura de Forcarei
Por outra banda, Luisa Piñeiro tamén defendeu a moción de censura presentada polo PP en Forcarei, “posto que, en primeiro lugar, é imprescindible para recuperar a gobernabilidade e a atención aos veciños tras seis anos de parálise e sectarismo e, ademais, axústase perfectamente á legalidade”.
Así, fronte ás acusacións de Regades e Silva, lembrou que Verónica Pichel “non foi alcaldesa por vontade popular, xa que o PP gañou as eleccións con máis do 48% dos votos, senón que fíxose co cargo polo voto irresponsable dun BNG que xa abandonou o goberno de Forcarei alegando que a xestión é inaceptable” e replicoulles que respectar a democracia é aceptar que no pleno dese concello “seis votos son máis que catro”.
A secretaria xeral do PP tamén valorou moi positivamente que os dous cargos socialistas anunciasen a súa presenza no pleno da moción de censura, “xa que así poderán comprobar como está Forcarei, que debe haber tempo que non o visitan, en vez de tocar de oídas e dicir que é un exemplo de transformación cando en realidade está sumido nunha decadencia moi parecida á do proxecto do PSOE na provincia”.
Finalmente, Luisa Piñeiro criticou a lei do embude pola que se rexen os socialistas da provincia e pediulles que abandonen o seu discurso triunfalista e comecen a traballar polos pontevedreses: “Que David Regades critique a moción de censura de Forcarei dicindo que ‘non todo vale’ é ter a cara de formigón armado, porque o PSOE é o partido da autoamnistía e do entreguismo absoluto aos independentistas cataláns para mercar a presidencia do Goberno. E tamén é lamentable que insista no caso de Forcarei e da súa suposta pureza cando o PSOE galego, presidido por Carmela Silva, está tentando unha operación similar en Noia para tumbar a un alcalde do PP que gañou claramente as eleccións e para prepetrar contra el e contra os veciños un cuatripartito que xa sabemos como vai acabar”.