O PP lamenta que o alcalde confunda o éxito da Illa, como dos demais concellos costeiros, co plan de tráfico, que está a ser “un fracaso e unha ruina” para os negocios do centro
Sábado, 9 de agosto de 2025 .-
O grupo municipal do PP da Illa de Arousa vén de facer unha valoración das medidas de restricción de tráfico no centro da vila cando se cumpren case dous meses da súa implantación e lamenta que o alcalde Luis Arosa confunda o éxito turístico e de afluencia da Illa, que está a ser similar aos demais concellos costeiros de toda Galicia, coas súas medidas de circulación, que están a ser “un fracaso e unha ruina” para os negocios, principalmente os do centro urbano.
Os populares recalcaron que o rexedor xa saíu catro veces a dicir que o modelo é un gran éxito “como se necesítase reafirmarse cando precisamente cada vez está máis só na súa defensa” e explicaron que o resultado das mesmas “verase con mellor perspectiva co paso do tempo, aínda que un primeiro balance, sostido polos propios hostaleiros e comerciantes, e que as caixas están baixando moito”. Ademais, incidiron en que o éxito e o fracaso “terá que ser decidido polos veciños cando lles pregunten nas eleccións de dentro de dous anos, non dependerá do triunfalismo excesivo do alcalde”.
“A Illa medra en visitantes nos mesmos parámetros que en toda as Rías Baixas e no marco do tirón e crecemento turístico de Galicia, así que achacalo ao plan de tráfico é confundir o touciño coa velocidade. A xente segue indo ás nosas praias, que son fantásticas, e O Bao e O Carreirón están a tope, pero o centro da vila, agás cando hai as festas gastronómicas, é un deserto e máis que vai selo a partires do 31 de agosto ou o 15 de setembro cando acabe o verán e as restriccións sigan vixentes”, explicou o concelleiro Miguel Paz.
O PP da Illa incidíu en que segue a haber problemas de aparcamento, xa que se suprimen prazas e non se procede á súa reposición, en que os veciños non notan ningunha melloría excesiva, xa que por moito que digan nunca houbo problemas de circulación no verán no centro da vila “agás os creados polo propio PSOE coa obra de Castelao” e que outro hándicap sen arranxar, que non lle corresponde ao Concello e que non ten fácil solución, é que só hai un acceso de entrada e saída a través da ponte.
En todo caso, os populares explicaron que esta situación e os atascos da ponte a determinadas horas “seguen a causar molestias aos veciños e non se arranxaron nin un ápice coas restriccións de tráfico que están a matar o centro” e revelaron que esta situación débese a elevada afluencia de visitantes e que non é exclusiva da Illa, “xa que tamén pasa na autovía do Salnés para Sanxenxo e A Lanzada, no corredor do Morrazo ou no Val Miñor nas inmediacións de praia América ou Patos”.
Finalmente, o PP da Illa preguntouse porque o alcalde vencella o éxito do plan de tráfico ás cifras de turistas, “cando unha cousa non ten que ver coa outra”, e non se refire e ofrece os datos das medidas do citado plan, como as multas impostas, “que si que poden ter consecuencias nefastas a medio prazo”, ou os usuarios do bus circular.