O PP lamenta que Digna Rivas perdese seis anos e catro convocatorias de axudas da Xunta para construír a Escola Infantil de Chapela e ínstaa a buscar unha solución

Redondela, 2 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar que o goberno socialista de Digna Rivas teña totalmente abandonado o proxecto de construción da Escola Infantil de Chapela despois de perder seis anos para a súa execución e deixase pasar ata catro convocatorias de axudas de fondos europeos MRR impulsadas pola Xunta desde 2022 e que estaban orientadas exclusivamente ao financiamento destes espazos formativos.

Os populares criticaron que o executivo local deixase pasar todas as oportunidades desde o ano 2019, momento no que houbo cambio de goberno e no que, o equipo dirixido por Javier Bas, deixou todo listo e acordado coa Xunta a falta da tramitación urbanística correspondente para cambiar a calificación dos terreos. “A Xunta estaba disposta a achegar ata 800.000 euros para unha escola infantil dun cento de prazas, pero tardaron case dous anos en facer a modificación urbanística, que quedou aprobada finalmente en marzo de 2021, e perderon eses fondos”, criticaron os populares.

Pero ademais, e co cambio do modelo de financiamento para estas escolas impulsado pola Xunta a comezos da década, o PP tamén valorou moi negativamente que o Concello de Redondela non presentase ningún proxecto a ningunha das catro convocatorias realizadas polo Goberno galego para financiar a construción de escolas infantís municipais, que era a nova vía para sufragar o inmoble e que en principio non se vai lanzar de novo.

“Nestes anos concellos como Mos, O Porriño ou Ponteareas si que optaron a estas achegas para ampliar a súa rede de escolas infantís, e incluso tamén municipios socialistas, como O Grove ou A Guarda no mandato anterior, pero incomprensiblemente en Redondela non aspiraron a estas achegas e limitaron a facer as súas reclamacións con queixas ante os medios de comunicación, pero está claro que ese non é o camiño para que Chapela conte con este servizo que, para nós, é imprescindible e irrenunciable”, sinalou o voceiro municipal, Javier Bas.

O concelleiro popular concretou que o compromiso da Xunta coa conciliación de Redondela “é facilmente demostrable e cuantificable”, xa que inviste 970.000 euros anuais para a gratuidade de case 200 prazas infantís e sempre amosou a súa disposición a colaborar na escola de Chapela, “pero non se lle pode dar a quen non pide”, en referenza á falta de proxecto e de solicitudes por parte do Concello.

“Deixamos todo practicamente listo en 2019 e tardaron tanto nun pequeno cambio urbanístico que perderon a oportunidade do convenio, logo non aspiraron ás convocatorias de axudas e agora non teñen unha saída fácil para o financiamento, polo que estamos ante un auténtico drama para as familias de Chapela”, apostillou Bas, que recoméndalle á alcaldesa que busque alternativas cos fondos da Deputación ou doutras administracións “porque é inadmisible que no 2025 sigamos sen escola infantil en Chapela e non podemos agardar dous anos máis”.