O PP lamenta que 2024 fora “outro ano perdido que afondou no retroceso” de Bueu e augura un 2025 “cheo de máis promesas e obras incumpridas”

Bueu, 8 de xaneiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Bueu arranca o ano político facendo unha valoración moi negativa do goberno bipartito no recén pechado 2024, xa que cre que foi “outro exercicio perdido que afondou no retroceso” do concello e augura que o presente 2025 vai ser unha nova etapa “coas receitas de sempre, xa que vemos como comeza cheo de promesas e rematará, como de costume, con obras fallidas e máis incumprimentos”.

A voceira municipal, Elena Estévez, cre que o pasado exercicio veu marcado “pola ausencia de orzamentos” malia que o bipartito encabezado polo BNG conta con maioría suficiente para aprobalos e que foron anunciados, por parte do concelleiro de Facenda, desde o pasado mes de febreiro. “Isto demostra a falta de planificación para o futuro de Bueu e a política de enganos e excusas masivas do goberno local, que dixo que estaban listos no primeiro trimestre e, obviamente, non era certo”, apostillou a concelleira popular.

A edil do PP tamén lamentou que o pasado ano tamén estivera protagonizado polo esquecemento nas cuestións do día a día e a falta de atención aos veciños, “admitida polo propio goberno cando informou que das 700 incidencias recibidas na app Meu Concello só se resolveron 300”, e que tamén se percibe na falta de mantemento dos edificios municipais, como o Centro Social, a casa de Amalia Domínguez, o Centro Sociocultural de Cela ou a piscina, entre moitos outros.

A mala situación do Concello e o negativo balance da xestión municipal en 2024 “en certo sentido é coñecido e recoñecido polo BNG, que adicou os últimos días do ano a facer promesas millonarias que sabe que non vai cumprir e a tratar de xustificar que a nada máis absoluta de 2024 debeuse a que se sentaron as bases dun futuro esperanzador con moitas obras e investimentos que só existen na súa cabeza e coas que tenta extender unha cortina de fume á que, por desgraza, os veciños xa empezan a estar acostumados”.

Neste senso, Estévez tildou de “brinde ao sol” o anuncio de 12 millóns en obras para o bienio 2025-2026 e advertíu que o “deterioro e retroceso que sufre Bueu, como ningún concello do Morrazo, polo esgotamento” do executivo de Félix Juncal “vai tratar de ser freado” pola Xunta e pola Deputación co financiamento de obras importantes, “o que desmonta por completo a súa teoría da discriminación e tamén deixa en moi mal lugar a defensa de Carmela Silva, anterior presidenta provincial, por parte do alcalde, xa que este organismo transfírenos máis diñeiro que nunca na historia”.

Ademais, a voceira popular tamén lamentou as ausencias e falta de noticias sobre anteriores proxectos comprometidos, como o terceiro pavillón na parroquia de Cela, a área de lecer de Chans, a mellora do paseo de Agrelo ou as solucións aos problemas da piscina municipal, “que se caracteriza polos incumprimentos, a ausencia de regulamento, ordenanza e xestión por parte dunha empresa” e tamén que se siga coa política do “gratis total” para os veciños doutros concellos, o que provoca que os veciños de Bueu corran cos gastos da mesma para toda a comarca.

Tamén abordou a situación da concesión do servizo municipal de auga e saneamento, que remata neste mesmo ano sen que polo momento haxa información sobre a posible recuperación da xestión a prol do Concello ou a convocatoria dun novo período de xestión. “Entendemos que non haberá unha nova concesión, xa que o BNG nunca privatiza servizos e non ten unha rede clientelar de empresas afíns”, ironizou a concelleira do PP.

Finalmente, Elena Estévez tamén lamentou outras cuestións fallidas e erráticas da xestión do goberno no ano recén rematado, como os problemas para o pago das axudas deportivas e culturais, xa que as de 2021 comezaron a pagarse a finais do exercicio e seguen pendentes as de 2024; a constante caída do padrón municipal sen que se adopten medidas para tratar de reverter a situación: ou a forte suba fiscal que os tres alcaldes do Morrazo do BNG pretenden implantar na taxa do lixo a través da Mancomunidade, xa que proxectan un incremento do 100% que sería o segundo máis alto de toda a provincia de Pontevedra.