O PP lamenta os “insuficientes parcheos” na estrada N-640 en Cuntis e insiste ao goberno local que esixa unha mellora integral pola seguridade viaria dos veciños
Cuntis, 21 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de valorar a execución das obras realizadas nas últimas semanas polo Ministerio de Transportes na estrada N-640 ao seu paso polo concello calificándoas de “insuficientes e irrisorios parcheos” que non melloran en nada o seu pésimo estado, polo que quere insistirlle ao goberno local que esixa dunha vez por todas “e coa máxima forza” que se acometa a imprescindible mellora integral desta vía nacional pola seguridade viaria dos veciños.
Os concelleiros populares, coa voceira, Isabel Couselo, ao fronte, percorreron e supervisaron durante estes días os 14 quilómetros da N-640 ao seu paso polas parroquias de Troáns, Cuntis, Portela e Arcos para coñecer en profundidade os traballos realizados na mesma polo Goberno de España e lamentaron que se limitasen a “bacheos máis propios dunha pista rural que dunha estrada de alta capacidade e rango nacional”.
Neste senso, revelaron que a actuación realizada polo ministerio limitouse á dotación dunha nova capa de rodadura nun treito duns 600 metros no acceso ao casco urbano na contorna da escola infantil e o centro de día e unha ducia de parcheos e reparacións que en ningún caso superaron os 100 metros cadrados. “O Goberno de España segue a rirse de Cuntis e é algo que non imos tolerar e que imos denunciar sen desmaio, porque o feito non soluciona ningún dos problemas que hai e, ademais, aos peores tramos non lles tocaron e continúan igual de mal”, apostillou Isabel Couselo.
Os populares lembraron que o problema do estado e da seguridade viaria na N-640 é crecente, polo que levan reclamando o seu arranxo urxente durante todo o mandato, con escritos cursados directamente ante Transportes, unha moción plenaria aprobada por unanimidade en novembro de 2023, a insistencia no seu arranxo un ano despois tras coñecerse que en Caldas se ían investir 3 millóns de euros fronte aos 48.0000 euros para Cuntis e, xa no pasado mes de febreiro, na esixencia ao alcalde, Manuel Campos, de que revelase o alcance real da mellora anunciada.
“Hai dous meses expresamos o noso temor a que as obras das que informou o alcalde, co único obxectivo de frear o forte malestar dos cuntienses, fosen un bacheo insuficiente e, por desgraza, os nosos presaxios veñen de confirmarse, porque o que se fixo e nada é practicamente o mesmo. A N-640 segue dando pena e, o peor de todo, é que con isto o ministerio cre que xa cumpríu e vainos volver a deixar abandonados”, sinalou a voceira popular.
Finalmente, Isabel Couselo lamentou a “febleza política” do rexedor, “posto que se fose un auténtico defensor dos veciños non permitiría que as obras se limitasen a estes parches” e acusouno de “vender cortinas de fume en torno a uns arranxos reais que non chegan e se conforme coas limosnas do Ministerio de Transportes”.