O PP lamenta o retraso na mellora do Campo de Santa Mariña tras seis anos de abandono, a insuficiencia da actuación e a falta de planificación por facer as obras durante a tempada

Redondela, 9 de decembro de 2025

O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar o enorme retraso na mellora do Campo de Fútbol de Santa Mariña tras seis anos de “total abandono” que levaron a esta instalación a un importante estado de deterioro e criticou tamén a falta de planificación do goberno municipal por ter previsto desenvolver estas obras durante a tempada, o que loxicamente ocasionará molestias ao CD Choco, aos 300 usuarios e aos espectadores.

Os populares, a través do vicevoceiro, Iván, Crespo, denunciaron que o executivo de Digna Rivas obviou totalmente as necesidades do estadio desde o ano 2019, xa que, a diferenza do período anterior cun goberno local do PP, nin se fixeron investimentos de calado, nin se executou o proxecto existente para a mellora dos vestiarios “chegando incluso ao seu bloqueo e agochamento” e desbotáronse as labores de mantemento habituais coa cancelación do contrato de obras de conservación periódicas e xerais, que se facían cada trimestre, oito meses despois do cambio de goberno.

Ademais, o concelleiro popular recalcou que as obras previstas para os vestiarios, o local social, o almacén e a iluminación “non se fan por planificación, convicción e compromiso co deporte e cos deportistas, senón por necesidade urxente ante a importante degradación deste campo, malia que se trata dun proxecto cativo e insuficiente, xa que tamén é preciso e urxente renovar o céspede artificial, que xa esgotou a súa vida útil, e os vestiarios emprazados debaixo do gradarío”.

Neste senso, o edil do PP engadíu que, malia o deterioro, o goberno socialista non acometería estas obras se non fose polo “novo rescate da Deputación ao Concello de Redondela”, xa que o organismo provincial vai financiar integramente a mellora cunha achega de 250.000 euros ao abeiro da segunda edición do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID). “É a única maneira que teñen de sacar algunha cousa adiante ante o baleirado absoluto das arcas municipais ao que nos levou a xestión socialista”, salientou.

 

Os malos precedentes de Cesantes e Vilar

Iván Crespo tamén cuestionou, ademais da falta de mantemento e destes seis anos de abandono, as datas escollidas para acometer estas obras, xa que o propio goberno anunciou o seu inicio inmediato para que estean rematadas ao longo do primeiro trimestre do ano 2026, “polo que ademais de coincidir coa época de maior uso do campo, entendemos que vai prexudicar o resto da campaña dados os habituais retrasos nas obras que planea o executivo de Digna Rivas”.

Finalmente, o vicevoceiro esixíulle tamén ao concello redondelán que se tome en serio o mantemento deste campo e das demais instalacións deportivas municipais recuperando o servizo de mantemento periódico e xeral das mesmas e que acometa as obras en condicións tras a nefasta actuación realizada no campo de Cesantes e o esquecemento na demanda de dotación de herba artificial cursada para o de Vilar.