O PP lamenta a falta de interese do goberno do BNG no cumprimento do convenio do Campo da Graña e alerta do posible colapso económico do Concello pola denuncia da promotora

Bueu, 25 de xaneiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Bueu vén de lamentar a falta de interese do goberno local do BNG no cumprimento do convenio para a construción do Campo de Fútbol da Graña, asinado tamén polo executivo nacionalista no ano 2008, e alerta do posible colapso económico da tesourería do Concello ante a denuncia xudicial presentada pola empresa promotora.
A voceira popular, Elena Estévez, fixo unha batería de preguntas no pasado pleno, celebrado esta mesma semana, ante a gravidade da cuestión, xa que a firma Desarrollos Urbanísticos Beluso vén de presentar un recurso contencioso contra o Concello no que demanda unha compensación por suposto incumprimento de 1,2 millóns de euros máis os correspondentes intereses e, de prosperar, suporía un “forte revés para as arcas municipais que afectaría aos veciños, xa que, inevitablemente, non se podería destinar esta importante cantidade a investimentos, infraestruturas e servizos públicos”.
Cómpre sinalar que esta empresa cedeu ao Concello de Bueu os terreos necesarios para a construción do citado campo de fútbol a cambio de que este convenio se incluíse no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Os populares concretaron que a empresa considera que o goberno municipal non cumpríu coa súa parte, mentres que o executivo se limita a dicir que estima que dita situación quedou solventada coa aprobación definitiva do plan urbanístico.
“Está claro que aquí hai unha diferenza de criterio que agardemos que non remate cunha mala noticia xudicial para o Concello, pero o que non pode facer o goberno local é incurrir nun silencio administrativo e dea a calada por resposta, algo que sempre fai cando hai problemas, cando tería que actuar con transparencia e explicar o que se fixo e o que non se fixo”, manifestou Estévez, que sinala que a situación comeza a ter “indicios preocupantes”, posto que o Concello solicitou ao xulgado unha ampliación do prazo para a remisión e traslado do expediente.
A edil do PP tamén criticou, ademais do silencio do alcalde, Félix Juncal, que “demostre unha total falta de compromiso e seriedade cun acordo asinado polo executivo que xa dirixía hai 17 anos e que se agoche na súa habitual excusas dos técnicos municipais, que é o que fai sempre cando veñen mal dadas”.
Por todo elo, e tras a batería de preguntas presentada no pleno e que xa recibíu “respostas baleiras” por parte do goberno local, os populares anunciaron que seguirán a esixir explicacións e permanecerán vixilantes coas avances deste caso “para que as cousas se fagan ben e se evite un importante prexuízo económico ao Concello e para que, chegado o caso, se depuren as oportunas responsabilidades políticas”.