O PP lamenta a “discriminación” de Transportes coa mellora da N-640 en Cuntis e solicítalle ao alcalde que esixa a súa reparación integral urxente

Cuntis, 29 de xaneiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de lamentar a “discriminación e castigo” ao que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible somete ao Concello de Cuntis polo estado da estrada nacional N-640 ao seu paso polas parroquias de Troáns, Arcos e Portela e polo casco urbano, polo que solícitalle por enésima vez ao alcalde, Manuel Campos, que esixa a súa reparación urxente.
A voceira municipal, Isabel Couselo, lembra que os populares levan moito tempo esixindo a renovación de todo o firme e outras medidas de seguridade nesta vía vertebradora do concello e con especial incidencia ao longo do presente mandato municipal, cunha primeira moción plenaria xa no outono de 2023 “que debeu caer en saco roto polo pasotismo absoluto do rexedor e polo desleixo e maltrato do Goberno de España cara Cuntis.
A concelleira popular sostén que estamos ante unha “imprescindible demanda, que posiblemente sexa neste momento a maior necesidade que ten Cuntis” en todos os ámbito, xa que o estado desta estrada “é moi perigoso e máis propio do século XIX que do ano 2025”. Neste senso, detallou que hai importantes problemas circulatorios e un gran aumento da sinistralidade, posto que a plataforma presenta fendas e fochancas de grandes dimensión, así como importantes carencias de sinalización, visibilidade, sinalización e seguridade.
Ao respecto, engadíu que os veciños non entenden o “abandono” que o Ministerio de Transportes ten cunha vía da súa titularidade e que se atopa “nun estado terceiromundista” e ademais a todo elo súmase a “discriminación” que supón que se vaian a investir 3 millóns de euros nesta estrada ao seu paso polo veciño municipio de Caldas de Reis e só se adicaran 48.000 euros a Cuntis “que foron aproveitados polo alcalde para presumir no canto de agochar a cabeza de vergoña e seguir chamando aos seus compañeiros de Madrid para que nos tomen en serio”.
De feito, a edil do PP recordou que o pésimo estado desta calzada nos seus preto de 15 quilómetros polo concello cuntiense ata foron advertidos e censurados polo Servizo Municipal de Emerxencias, polo que, ademais de non comprender a postura de Transportes, tampouco comparte a falta de esixencia por parte do alcalde e do goberno local “cando está en xogo a seguridade dos veciños”.
Finalmente, anunciou que o PP de Cuntis vai seguir presionando e solicitando a execución dunha mellora e modernización integral da N-640 e incluso sinalou que pretende seguir escalando nas iniciativas políticas e sociais ao respecto desta “xusta demanda” para que a obra se acometa canto antes.