O PP lamenta a desinformación nacionalista sobre a parcelaria de Val de Camba e replícalle que o único desinterese por Rodeiro é o do BNG que nin presenta candidatura
Rodeiro, 5 de decembro de 2025
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de lamentar o novo episodio de desinformación e intoxicación nacionalista sobre o proceso da concentración parcelaria de Val de Camba despois do anuncio da deputada Ariadna Fernández de diversas iniciativas parlamentarias sobre esta actuación e replicoulle, ante as as súas acusacións de pasotismo, de que o único desinterese que hai por Rodeiro é o que amosa, unha e outra vez, o BNG xa que nin sequera presenta candidatura no concello nas eleccións municipais.
“Non se entende que a deputada pida axilidade cando nin se entera, como de cotío cando fala de Rodeiro cada dúas ou tres semanas para que pareza que lle preocupa o noso concello, como está o proceso, polo que antes de facer estas actuacións de cara á galería o primeiro que debe facer é preguntar e informarse”, indicaron os populares.
Neste senso, o PP local, que si está recabando información periódica sobre esta actuación de gran importancia estratéxica para o sector agrogandeiro do municipio, revelou que a tramitación está moi avanzada e que haberá novidades bastante pronto “polo interese máximo que ten a Xunta na reorganización das terras para un mellor aproveitamento por parte do sector primario”.
Os populares indicaron que, efectivamente, o proceso da parcelaria leva en marcha moito tempo “como todos os que se emprenden en Galicia e en calquer lugar do mundo que se caracterice polo minifundismo, posto que hai que ser moi prudente cando se aborda algo tan serio como as propiedades de cada un”, pero lamentaron as críticas da deputada baseadas no descoñecemento.
Finalmente, o PP de Rodeiro insistíu en que o BNG está “deslexitimado e desautorizado” para falar de Rodeiro, xa que abandona reiteradamente aos veciños ao non presentarse nas eleccións municipais, sendo o único concello da provincia de Pontevedra onde non ten lista e, polo tanto, nin un só voto. En todo caso, os populares cren que a deputada Ariadna Fernández “adoita a falar e a facer iniciativas de Rodeiro e Agolada, tocando totalmente de oído, porque Francisco Vilariño tena laminada en Lalín”.