O PP insta ao goberno a aproveitar todos os recursos do Plan VioXén e atender ás demandas da policía para protexer ao 30 mulleres con protección en Redondela

Redondela, 26 de novembro de 2025

O grupo municipal do PP de Redondela vén de instar ao goberno local a que aproveite todos os recursos e fondos recibidos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para mellorar a atención das vítimas existentes no concello -un total de trinta segundo os informes oficiais do citado Plan VioXén- e tamén para atender ás demandas que están a cursar de xeito constante os corpos e forzas de seguridade.

Por iso, os populares van defender hoxe unha moción, no pleno ordinario convocado para este serán, na que reclaman ao executivo de Digna Rivas que asuma o seu compromiso de executar todos os fondos nesta materia, priorizando as necesidades urxentes de protección das vítimas, incluíndo recursos habitacionais de emerxencia para momentos de intervención.

Así mesmo, a proposta de acordos tamén inclúe a transparencia na xestión destes fondos, a atención das demandas da policía respecto da súa solicitude de recursos, como a creación dun espazo seguro para menores cando a nai teña que declarar en sede xudicial, e a posta en marcha e mantemento de recursos específicos para desprazamentos seguros das vítimas cando teñan que acudir ao xulgado, o centro médico, o CIM ou outras dependencias oficiais e que o transporte habilitado dispoña de cadeiras homologadas para os seus fillos.

“É inadmisible que, con trinta casos enriba da mesa, os corpos de seguridade estean a solicitarlle con insistencia ao goberno local máis recursos para coidar e protexer das vítimas da violencia machista en Redondela e o executivo de Digna Rivas, malia ter asignados fondos para iso ao abeiro do Plan VioXén, non lles faga ningún caso, polo que agardamos que hoxe no pleno se asuma un compromiso real e se mude esta situación, porque é algo moi grave xa que estamos a falar da vida das nosas veciñas”, aseverou o voceiro municipal, Javier Bas.

 

Programas de conciliación e corresponsabilidade

Por outra banda, os populares tamén esixirán, a través doutra moción de carácter social, que a corporación se dirixa ao Goberno de España para que manteña de xeito estable o financiamento íntegro e sen recurtes do ‘Plan Corresponsables’ despois de que o mesmo se vise afectado por retrasos nas convocatorias, cambios técnicos, duplicidade de anualidades ou falta de previsión orzamentaria.

Desde o PP de Redondela considera que este programa, do que se beneficia o Concello, é fundamental para o desenvolvemento das actividades de conciliación, o establecemento de bolsas en materia de coidados de menores, o fomento do emprego de calidade no sector dos coidados ou a formación de corresponsabilidade para os homes. “Estamos a falar de materias fundamentais para a construción dunha sociedade en igualdade, posto que se trata de cuestións que adoitan a recoller nos ombreiros das mulleres, polo que é de urxente xustiza social que tratemos de revertir esta situación, así que rexeitamos calquera recurte nesta materia”, concluíu Javier Bas, lembrando que en materia de conciliación o goberno de Rivas xa perdeu unha achega de 50.000 euros da Xunta.