O PP inicia a súa batería de accións contra a suba da taxa do lixo coa presentación de mocións nos tres concellos pedindo que se anule o acordo da asamblea da Mancomunidade

O Morrazo, 16 de outubro de 2025.

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de iniciar de inmediato a súa batería de accións políticas e administrativas contra a suba brutal da taxa do lixo impulsada polo BNG desde a Mancomunidade coa presentación dunha moción común nos tres concellos na que solicitan a anulación do acordo da asamblea xeral do órgano comarcal -dado que só se procedeu á súa aprobación inicial- e a apertura dunha fase de diálogo por parte do goberno nacionalista con todos os partidos políticos e os axentes sociais, económicos e veciñais para acordar e consensuar unha nova ordenanza.

Os populares acordaron unha proposta conxunta e unificada, dado que a problemática polo forte incremento deste tributo é a mesma para os tres municipais, e a mesma xa foi presentada no Concello de Cangas do Morrazo e nos próximos días tamén se rexistará en Moaña e Bueu atendendo aos propios prazos previos ás súas respectivas sesións plenarias.

“Dixemos que íamos defender aos veciños ante este sablazo ata as últimas consecuencias e estámolo facendo desde o primeiro minuto. Non imos desfalecer e imos tentar de todas as maneiras posibles parar este sensentido, porque se é grave que as taxas das vivendas case se dupliquen e se sitúen ao nivel do Vigo e un 43% máis que Marín, é unha auténtica cafrada que as tarifas dos negocios se multipliquen por cinco ou seis e vaian a pagar entre 1.000 e 2.000 euros anuais”, manifestaron os voceiros Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.

Na súa moción, o PP lembra que esta situación deriva exclusiva da “incompetencia e mala xestión” do servizo de recollida do lixo por parte do BNG ao fronte da Mancomunidade, xa que permitíu o seu deterioro ata ter a peor atención de toda a provincia e non fixo nada no eido económico durante os últimos sete anos cun contrato prórrogado, “polo que agora pretende solucionar a súa irresponsabilidade cun asalto esaxerado ao peto da xente”.

Ademais de criticar a xestión nacionalista neste asunto e de indicar que as novas taxas son máis elevadas que a práctica totalidade dos concellos da contorna, na súa proposta os populares tamén reiteran que existe un “forte clamor e enfado social” e que a práctica totalidade da veciñanza rexeita un incremento tan drástico das taxas, xa que lembran que a campaña contra esta medida fiscal recolleu máis de 8.000 sinaturas en moi poucos días.

“O BNG está totalmente perdido e fóra de punto, porque eles son de pensamento único, do seu, o resto desprézano, e por iso están molestos, porque no seu interior saben que fixeron as cousas moi mal e ademais non teñen a humildade de rectificar, saben que a rúa está totalmente contra eles e, ademais, están enfadados porque non lles gusta nada que lles fagamos oposición, pero que saiban que, coma sempre, imos estar a carón da xente”, advertiron os tres voceiros populares.

Finalmente, as tres agrupacións do PP anunciaron que, tan pronto como se abra o período de exposición pública e de presentación de alegacións contra a suba da taxa do lixo, procederán á apertura das sedes en Cangas, Moaña e Bueu para colaborar e asesorar aos veciños para a formulación de reclamacións.