O PP incorpora a Xuntos por Ribadumia ao goberno local tras pechar un acordo de integración de ambos grupos municipais
Ribadumia, 24 de xaneiro de 2026.
O grupo municipal do PP de Ribadumia, que sustenta ao goberno municipal con 7 dos 13 concelleiros da corporación, vén de incorporar ao partido independente Xuntos Por Ribadumia ao executivo liderado por David Castro tras pechar un acordo de integración de ambas formacións que foi asinado esta mañá no hall do auditorio municipal.
O alcalde, acompañado por todos os concelleiros do PP que conforman o goberno local, e o voceiro de Xuntos Por Ribadumia, Ramiro Lorenzo, rubricaron un protocolo que suporá que o edil independente integrarase na formación popular e tamén no executivo ribadumiense. Este acto, aberto aos medios de comunicación, contou coa presenza e o apoio do presidente provincial do PP e da Deputación, Luis López, e da secretaria xeral, Luisa Piñeiro.
“Con este acordo buscamos unir a todo o centro-dereita de Ribadumia para ter un proxecto aínda máis forte e, sobre todo, ofrecerlle o mellor goberno aos nosos veciños, que son o máis importante”, manifestou David Castro, antes de expresar a súa satisfacción e explicar que esta integración “é un exemplo porque vai no camiño contrario ao que está a suceder na política en xeral, na que as tristes protagonistas son as leas e as diverxencias”.
O alcalde ribadumiense explicou que o PP non precisaba desta integración en termos numéricos, “posto que os veciños nos outorgaron unha clara maioría absoluta nas pasadas eleccións municipais e dispoñemos dun goberno moi potente que atende e entende á xente”, polo que aclarou que este pacto xurdiu do entendemento entre as dúas formacións e da necesidade de actuar con unidade e fortaleza “nun contexto político tan volátil”. Ademais, Castro quixo agradecer a xenerosidade de Ramiro Lorenzo e de Xuntos por Ribadumia para sumarse ao proxecto do Partido Popular.
Pola súa banda, o voceiro do partido independente explicou que, desde o comezo do mandato e incluso desde antes das eleccións municipais, “as coincidencias e concordancias entre os dous eran moitísimas máis que as diferenzas, pero ademais fóronse acurtando nestes dous anos e medio porque ambas partes entendemos que o traballo conxunto e colaborativo era o mellor para os veciños de Ribadumia, polo que é bastante fácil de entender un acordo no que todos, e principalmente o pobo, saímos gañando”.
Finalmente, Luis López aplaudíu este acordo de integración entre ambos partidos baixo o liderado do PP, posto que se enmarca “na nosa política de brazos abertos a todos aqueles que queiran sumarse ao noso proxecto, que é o do futuro de España; na nosa intención de unificar a todo o centro-dereita cos equipos máis amplos e potentes posible; e no noso obxectivo fundamental de fortaleza e unidade que está demostrado que é o máis útil para escoitar, entender e atender á xente”.