O PP impulsa un pleno extraordinario para pedir o gran centro sociocultural na Marisma e melloras en seguridade de praias, extinción de lumes e a estrada N-552

Redondela, 2  de xullo de 2026

O grupo municipal do PP de Redondela vén de impulsar un pleno extraordinario que inclúe na orde do día o inicio do proxecto para a construción dun gran centro sociocultural na zona da Marisma e diversas melloras pendentes en materia de seguridade praias e de extinción de lumes –en ambos casos competencias exclusiva do goberno local– e de modernización da estrada N-552, que é responsabilidade do Ministerio de Transportes.

Os populares, que veñen de formalizar por rexistro a solicitude da sesión coa sinatura dos seus dez concelleiros, teñen dereito á mesma ao ser a forza máis votada de Redondela e agardan que, ante a importancia destas actuacións, o goberno de Digna Rivas atenda canto antes a súa celebración e evite dilatar os 15 días de prazo máximo legal. Cómpre sinalar que estas catro propostas veñen de trasladarse no formato de moción.

“En Redondela temos un goberno que pensa en pequeno, e aí está a intención de construír un museo cativo que cercenaría todas as posibilidades do espazo municipal da Marisma para o futuro e no apostamos por un gran complexo. Temos un goberno que non ofrece os servizos que merecen os veciños, como o paralizado de socorrismo, e os que esixe a lei, no caso dunha brigada de extinción, e que tampouco demanda o que nos corresponde como sucede co Goberno de España e a mellora da N-552, polo que vémonos na obriga, a través deste pleno extraordinario, de tentar activalo ante a súa parálise absoluta”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas.

En primeiro lugar, os populares solicitan un gran acordo da corporación para sacar adiante un Centro Cultural, Artístico e Xuvenil na Marisma que contaría cun gran auditorio modular do que carece Redondela, un espazo museístico, conservatorio, biblioteca, Casa da Xuventude e locais para asociacións. Esta proposta, que xa foi presentada no anterior pleno ordinario de xuño e non se debateu por falta de tempo, implicaría tamén a paralización do proxecto de construción dun museo nesta contorna, xa que dilapidaría os seus usos futuros e ademais xa estaría integrado no complexo proposto polo PP.

En segundo lugar, a formación liderada por Javier Bas esixe a creación urxente dun Servizo Municipal de Extinción e Prevención de Incendios tras o ditaminado pola sentencia 138/2023 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo e refrendado pola 37/2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). “Non pode ser que haxa un equipo con só tres efectivos, nin que se minta sobre unha suposta falsa cooperación co Concello de Vigo e que un municipio tan grande, con tanto rural e tanto monte coma o noso non teña a súa brigada”, aseverou o concelleiro popular.

Ademais, o PP tamén reclama que o Concello asuma a xestión directa do servizo de vixilancia, salvamento e socorrismo de praias para garantir unha axeitada prestación e resolución das incidencias nos areais co obxectivo de que non se repitan situacións como a deste ano, na que se carece do mesmo polo momento e comezará con retraso por cuestións de tramitación do concurso.

Finalmente, tamén se reclamará ao pleno que acorde instar ao Ministerio de Transportes a que cumpra de inmediato cos compromisos adquiridos coa plataforma de afectados, que liderou esta cuestión, por mor da ampliación da Autoestrada AP-9 en Chapela e que pasan pola execución do proxecto de reordenación de accesos, mellora da seguridade viaria e adecuación da N-552 entre o Alto da Encarnación e o límite co Concello de Vigo. Esta actuación leva un retraso considerable que xa foi denunciado en numerosas ocasións polo PP redondelán e polos deputados en Madrid atendendo ás demandas dos veciños.