O PP esixirá un proxecto estratéxico co novo Plan Extra para non perder máis cartos despois de que Digna Rivas votase contra o seu financiamento na Deputación
Redondela, 27 de outubro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vai esixir ao goberno socialista que presente un proxecto estratéxico e innovador ao abeiro da segunda edición do Plan Extra da Deputación de Pontevedra polo máximo importe posible, cifrado en 1,1 millóns de euros, tras as dúbidas sementadas pola alcaldesa, Digna Rivas, ao votar en contra do seu financiamento no pleno da corporación provincial na súa condición de representante do PSOE no órgano provincial.
“Vimos de comprobar, tristemente, como a rexedora rexeitou co seu voto a modificación de crédito no pleno da Deputación que permitirá sufragar o Plan Extra e, por conseguinte, un investimento de máis dun millón de euros en Redondela. Foi un posicionamento totalmente irresponsable xa que vai contra os intereses dos veciños de Redondela e só para seguir as consignas do seu partido, polo que queremos saber cal é realmente a súa postura e se vai presentar un proxecto, porque se é coherente co que fixo no pleno da Deputación esperta moitas dúbidas. Está claro que, se dela dependera, eses cartos non virían para Redondela”, lamentou o voceiro municipal, Javier Bas.
Os populares lembraron que o goberno socialista si que concorreu á anterior edición do Plan Extra coa humanización da Praza da Petanca, pero que supuxo un novo exemplo de mala xestión pola perda de 430.000 euros, posto que, do máximo de 1,1 millón de euros, só optaron a 670.000 euros.
Por elo, pídeselle á rexedora que “acuda con máis ambición” a esta nova convocatoria malia o seu voto contrario na Deputación “para non perder máis cartos, porque o chorreo de oportunidades perdidas é insoportable”. Neste senso, lembraron que xa se deixaron de investir 2,8 millóns de euros cos fondos europeos e cifraron en 7 millóns as axudas perdidas polo Concello nos seis anos de goberno socialista.
Así, o PP de Redondela vai presentar unha iniciativa plenaria na sesión ordinaria do próximo xoves para que a alcaldesa dea as explicacións oportunas sobre a súa intención con respecto á segunda edición do Plan Extra e tamén os motivos do seu voto “contra o interese xeral do Concello”. Neste senso, lembraron que estes posicionamentos políticos de Digna Rivas non son unha novidade, posto que tamén rexeitou anteriormente os fondos para a necesaria mellora do campo de fútbol de Cesantes “noutra actuación absolutamente bochornosa porque é unha obra perentoria, pero ela preferíu seguir o manual de confrontación do PSOE Provincial”.
Finalmente, os populares tamén lamentaron a xestión económica de Rivas no caso da Praza da Petanca ao abeiro do anterior Plan Extra, posto que deixou pasar 430.000 euros “e nunha decisión incomprensible está a deseñar outro proxecto de asfaltado para esta contorna, que terá que ser pagado con fondos do Concello cando podería terse beneficiado de máis fondos do Plan Extra se optimizase ao máximo a oferta da Deputación”. Neste senso, instaron á alcaldesa a ser “máis dilixente” na segunda edición deste programa de investimentos que acaba de ser convocada “para aproveitar todos os fondos posibles”.