O PP esixe “transparencia” na cifra de alegacións, nos cambios da ordenanza do lixo e nos motivos da ampliación de prazo e acusa ao BNG de “desprezar o clamor social”
O Morrazo, 6 de decembro de 2025
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de lamentar a actitude escurantista do BNG nesta fase final do proceso sobre o seu intento de aplicar unha suba brutal á taxa do lixo e esíxelle “transparencia” en moitas cuestións, como a cifra real de alegacións presentadas, os cambios que pretenden introducir para frear o unánime descontento veciñal ou os motivos da ampliación do prazo de información pública. De feito, os populares consideran que esta política de agochamento dos nacionalistas supón un “desprezo ao clamor social”.
En primeiro lugar, os populares cren que o goberno da Mancomunidade do Morrazo debía ter facilitado á veciñanza e aos medios de comunicación o número exacto de reclamacións presentado contra a ordenanza ao peche do período inicial de exposición, que rematou o pasado mércores 3. Neste senso, lembraron que inicialmente filtrouse unha cifra de 340 e posteriormente incrementouse ata 400 e pico, “pero todo o mundo sabe que non é real, e é moi superior, xa que só unha agrupación do PP rexistrou 300 alegacións de veciños”. “Están tentando enganar á cidadanía e minimizar o cabreo da xente nunha postura bastante infantil, porque tapar o problema non o vai resolver”, indicaron os voceiros de Cangas, Moaña e Bueu, Dolores Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez, que convidou aos nacionalistas a facilitar “con luz e taquígrafos” o número de reclamacións.
Así mesmo, o PP comarcal tamén cre que, case dous meses despois de empezar este proceso tras a asamblea xeral do 13 de outubro, xa se debían coñecer as supostas modificacións á baixa deste tributo “reiteradas pero nunca reveladas por parte dos gobernos do BNG e que tamén semellan un intento cosmético, pero non real, de tentar apaciguar os ánimos da xente simplemente co paso do tempo, xa que os seus alcaldes xa dixeron que non ían cambiar as novas taxas”. “Fixeron reunións dabondo e tiveron tempo de sobra para, se van facer modificacións, que estas se saiban polos máis interesados, que son os veciños, pero están tratando de agochar algo e iso, co BNG por medio, non é nada bo”, apostillaron.
Os populares tamén cren que se debía explicar os motivos reais da ampliación do prazo de exposición pública en 12 días, ata o 15 de decembro, máis alá da seguridade xurídica pola publicación do anuncio de inicio nun medio de comunicación, “xa que isto soa moi raro e, coma en todo este proceso, dá a sensación de que están a xogar coa xente do Morrazo só polos seus intereses políticos”.
Presentar máis alegacións
En todo caso, o PP do Morrazo insistíu en que vai seguir loitando na defensa dos intereses dos veciños “ata o final” e convidou á xente dos tres concellos a seguir presentando alegacións ata o próximo 15 de decembro, “porque todo o que están facendo os cidadáns está valendo moito para que o BNG se sinta moi incomodado e, ao revés de moitos outros temas, onde aplica un absoluto autoritarismo e non escoita, nesta ocasión están moi temerosos porque saben que teñen perdida a maioría social”.
“Desde o PP seguiremos a carón dos morracenses ata o final e o tentaremos de todas as maneiras, de aquí á asamblea xeral do 23, para parar esta desfeita e que os gobernos do BNG se senten a falar con todos, tamén con nós, para consensuar unha ordenanza que contemple máis que asaltar os petos da xente para tapar a súa pésima xestión do lixo”, indicaron os tres voceiros, que lamentaron as “mentiras constantes” dos nacionalistas por tentar culpar a Sogama cando a conxelación das taxas en Pontevedra e Marín “desmontou a súa teoría”.