O PP esixe aos gobernos do BNG que retiren de inmediato a actual proposta de suba da taxa do lixo e que inicien unha negociación cos grupos políticos e axentes sociais para unha nova

O Morrazo, 17 de decembro de 2025.-

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de esixirlle aos tres gobernos locais do BNG que rectifiquen dunha vez e retiren de inmediato a actual proposta para a suba brutal da taxa do servizo de recollida e tratamento de lixo, xa que se demostrou que non poden saír adiante pola unánime contestación social e pola falta de valentía dos nacionalistas, e que inicien unha negociación sosegada baseada no diálogo con todos os grupos políticos e cos axentes sociais e económicos da bisbarra para consensuar unha nova.

Os tres voceiros populares de Cangas, Moaña e Bueu, Dolores Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez, calificaron a paralización da ordenanza e o adiamento que impide a súa entrada en vigor no ano 2026, como se comprometeu reiteradamente o BNG, como “un enorme triunfo da cidadanía e un absoluto fracaso da política sectaria do Bloque baseada en actuar sempre contra os intereses dos veciños”. Neste senso, os representantes do PP quixeron felicitar á veciñanza “pola loita sen descanso polos seus intereses e polo sentido común e por impedir que a nefasta acción dos tres executivos do Bloque fose salvada a conta de asaltar os petos das familias e dos negocios”.

“Todo O Morrazo sabe que os do Bloque son uns pésimos xestores, e aí está o lamentable funcionamento do servizo do lixo durante esta década con eles ao fronte, pero agora tamén sabemos que son uns auténticos covardes, porque anunciaron que a suba era definitiva e que non tiña volta atrás, pero treméronlle as pernas ante o clamor social, así que a súa palabra e as súas conviccións víronse truncadas polo seu exclusivo cálculo electoral”, sinalaron desde o PP morracense, que lamentou que “traten de excusarse nunha suposta seguridade xurídica na respostas das alegacións e en culpar á Deputación pola xestión destas reclamacións nun exercicio de cinismo co que evitan admitir que se botaron atrás, alomenos polo momento, por medo”.

Os populares advertíronlle aos nacionalistas que, mentres persistan con esta proposta, “vannos atopar de fronte e a carón dos veciños” e reiteráronlle que teñen “a man tendida” para negociar unha nova ordenanza que comece pola mellora inmediata e urxente do “peor servizo de recollida de lixo da provincia” baseándose na xestión e no traballo do que adoecen os tres alcaldes e que contemple unha actualización das taxas “razoada e razoable, baseada no sentidiño e que non esquilme os salarios das familias e as caixas dos negocios”. “Para nós é inadmisible que se duplique o recibo das vivendas e que os dalgúns negocios se multipliquen por once”, aseveraron.

Hermelo, Piñeiro e Estévez tamén acusaron aos nacionalistas de mentir reiteradamente durante todo este proceso, ademais de non escoitar aos cidadáns, posto que tentaron minimizar de xeito infantil o malestar para que houbese a menor cifra de alegacións posible co obxectivo de acalar a protesta unánime da veciñanza. Neste senso, reprocharon aos tres alcaldes que estivesen falando de 300 ou 400 alegacións a poucas horas do peche do primeiro prazo de exposición pública “cando sabían de sobra que había moitas máis” e actuaron cun total escurantismo cos veciños e cos medios de comunicación “ata que se viron superados pola realidade en forma de máis de 3.600 reclamacións”.

Finalmente, pedíronlle aos responsables do BNG que “abandonen o mundo de mentira no que están instalados” repetindo o mantra do canon de Sogama, “xa que este deriva do gravame socialista imposto desde o Goberno de España contra a incineración” e ademais non xustifica unha suba como a que pretenden perpetrar, posto que concellos tan diversos como Marín ou Pontevedra, entre outros, van manter as taxas conxeladas. Ademais, os voceiros populares tamén ironizaron con outra das falsas xustificacións do Bloque para este incremento e que se baseaba na lei estatal que esixe que os servizos teñan equiparados os gastos cos ingresos, “xa que deste xeito, co aprazamento e a non entrada en vigor da nova taxa en 2026, os tres alcaldes van cometer unha flagrante irregularidade a sabendas, así que recomendámoslles que se autodenuncien nos xulgados”.