O PP esixe a publicación no BOE da anulación do actual proxecto de Variante Oeste pola falta de confianza no alcalde e no PSOE e que se retome o trazado aprobado polo pleno en 2008

Xoves, 12 de marzo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de esixir a publicación inmediata da anulación do actual estudo informativo da Variante Oeste no Boletín Oficial do Estado (BOE) para outorgar tranquilidade aos veciños afectados, posto que admitíu a súa absoluta falta de confianza no Goberno de España, en José Ramón Gómez Besteiro, no PSOE en xeral e no alcalde, Jacobo Pérez. “Ata que non vexamos que sexa oficial non nos imos fíar desta xente, porque xa demostraron que Caldas non lles importada nada,  xa que eles mesmos impulsaron este proxecto para tentar salvar ao rexedor e agora din recuar ante o fracaso social do trazado”, manifestou o voceiro, Fernando Pérez.

Ademais, o concelleiro popular tamén esixe que o acordo de cancelación do trazado que fendía Godos, Saiar, Santa María e Bemil non se quede só niso e o Goberno de España retome de inmediato un novo estudo informativo, con compromisos orzamentarios, sobre o trazado defendido pola práctica totalidade do concello e que xa foi aprobado por unanimidade polo pleno de Caldas no ano 2008. “Está moi ben que esta desfeita socialista quede en nada tras xerar nove meses de alarma social no noso concello, pero Caldas sigue precisando de xeito urxente dunha Variante Oeste e moito nos tememos que o PSOE se dea por satisfeito con esta paralización, como se así cumprise con Caldas, e non dea avances no proxecto que necesitamos”, engadíu o edil do PP.

Fernando Pérez tamén calificou de “inaudito” que sexa o pleno de Caldas quen teña que aprobar o rexeitamento ao proxecto, xa que, en primeiro lugar, a corporación xa se posicionou claramente contra o mesmo nun pleno extraordinario impulsado polo PP, e ademais “se non se pedíu permiso para impulsar este estudo informativo e se fixo ás agochadas no verán, non entendemos porque o Goberno de España non pode anulalo de xeito directo”.

O voceiro popular tamén criticou duramente ao PSOE pola súa actitude en todo este asunto e no debate sobre o rexeitamento a esta variante impulsado o pasado martes polo PP no Parlamento Galego, xa que acusou aos socialistas de tratar de confundir por reclamar á Xunta a reactivación do proxecto da autovía Curro-Baión malia que non dá solución aos problemas de tráfico da nosa vila e do que require o pobo de Caldas para reducir o tráfico do centro urbano. “Pariron mal o proxecto desde o seu inicio para vender ao alcalde como o que desbloqueou a variante ata o final coa esperpéntica presenza de Gómez Besteiro, cun papel que non lle tocaba, polo que esiximos seriedade con Caldas e que fagan a Variante Oeste e se deixen de cálculos electorais para salvar unha Alcaldía que eles mesmos ven perdida”, manifestou.

Finalmente, Fernando Pérez arremeteu contra o alcalde, Jacobo Pérez, por excluír ao PP, malia ser a forza maioritaria, e ao BNG da reunión co delegado do Goberno, xa que lembrou que había un acordo plenario e unha petición das plataformas de afectados para que acudisen todos os grupos e se actuase con unidade de acción. “É a segunda vez que nos deixa de lado, supoñemos que pola mala conciencia e o medo que ten pola súa actuación en torno a este proxecto, e porque malia actuar como verdugo de Caldas con este trazado, que sempre defendeu como o mellor posible, agora tenta vir de salvador”, manifestou o voceiro, que tamén sospeita que o rexedor, ao igual que o PSOE, “teñen moito que ocultar nesta actuación”.