O PP do Rosal elixe a Iván Gómez como novo presidente da xestora para abrir unha nova etapa como “primeiro paso para o cambio” co obxectivo de recuperar a Alcaldía

Martes, 30 de xuño de 2026

O PP de Rosal vén de elixir a Iván Gómez Álvarez como novo presidente da xunta xestora para abrir unha nova etapa no partido co obxectivo de recuperar a Alcaldía en 2027 tras a vitoria nas derradeiras eleccións municipais.

O máximo responsable do novo proxecto dos populares rosaleiros estivo arroupado onte á noite no seu acto de presentación polo presidente provincial, Luis López; a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro; o voceiro Carlos Rodríguez; compañeiros da comarca do Baixo Miño; e máis dun cento de afiliados.

“Hoxe no Rosal damos o primeiro paso para o cambio”, salientou Luis López, antes de agradecer o “gran traballo e a construción dunha clara alternativa de goberno ao BNG” da man de Carlos Rodríguez, que deixa a presidencia do partido e non concorrerá como candidato por motivos profesionais e persoais, e de amosar a súa confianza “na renovación e o impulso que Iván Gómez e o seu equipo lle darán ao proxecto para acadar un cambio necesario” para os veciños do Rosal.

O tamén presidente da Deputación chamou a toda a militancia a “traballar arreo coa receita da cercanía baseada en escoitar, entender e atender” aos rosaleiros para conseguir a confianza maioritaria nas urnas o próximo 23 de maio e tamén apelou á “unidade” como outra das claves “para devolverlle ao Rosal unha política e un goberno centrados no sentidiño e nos problemas da xente”.

Pola súa banda, Iván Gómez, empresario de 45 anos, expresou a súa ilusión pola confianza outorgada pola militancia do Rosal e pola dirección provincial e admitíu o “elevado grao de responsabilidade que asumo para estar á altura do PP e, sobre todo, do pobo do Rosal”.

O novo presidente local apelou en varias ocasións ao concepto de cambio que, na súa opinión, “e máis necesario que nunca para devolver ao Rosal pola senda do desenvolvemento que sempre se mantivo cos gobernos do PP” e que se perdeu nestes sete anos de goberno nacionalista e especialmente neste último mandato cun bipartito despois de que o BNG perdese as eleccións.

Finalmente, Carlos Rodríguez, que foi o encargado de abrir o acto a modo de despedida, agradeceu a confianza de todo o partido durante este tempo, puxo en valor o ascenso acadado nas eleccións de 2023 para colocar ao PP nas mellores condicións para recuperar a Alcaldía e amosouse convencido de que, co traballo de todos, haberá un rotundo triunfo o próximo ano.