O PP do Morrazo censura a xestión e o deficiente servizo de recollida de lixo e advírtelle ao BNG que non aceptará ningunha “suba estratosférica” da taxa
O Morrazo, 29 de agosto de 2025
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo, veñen de posicionarse ante os recentes movementos realizados polos tres gobernos locais do BNG en torno á ordenanza e o servizo de limpeza e recollida de lixo censurando por completo a xestión nesta materia realizada polos nacionalistas, que provoca que esta prestación básica sexa totalmente deficiente e insatisfactoria para os 58.000 veciños de Cangas, Moaña e Bueu.
Ademais, os populares, que cren que o prioritario é unha mellora exponencial e cualitativa do servizo, advírtenlle ao Bloque, ante os seus intentos de incrementar a taxa que pagan os cidadáns, que non aceptarán ningunha “suba estratosférica” deste tributo, xa que cómpre lembrar que os nacionalistas xa lanzaron diversos globos sonda anunciando que debería duplicarse, pasando de 60 a uns 120 euros anuais no caso das vivendas.
“Estamos ante un dos servizos de limpeza e recollida de lixo que peor funcionan, claramente, de toda a provincia, e só hai que ir por outros concellos para comprobar o nivel de degradación desta actuación en Cangas, Moaña e Bueu. Nos tres concellos a práctica totalidade dos contedores están rotos, moitos deles sen tapas, completamente sucios e cheirentos tras meses sen limpar malia que o recolle o prego e a frecuencia de recollida dilátase cada vez máis e iso sen entrar noutras cuestións que deberían facerse por salubridade, hixiene e imaxe e que ademais aparecen recollidas no contrato, pero que non se fan”, lamentaron os voceiros Dolores Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.
Os tres concelleiros populares indicaron que a principal preocupación dos nacionalistas debería ser incrementar con urxencia a calidade do servizo e deixar de laiarse constantemente de que non teñen cartos para expresar as súas intencións agochadas de “meterlle un sablazo” aos morracenses coas taxas.
“Ante a súa absoluta incompetencia xa están pensando en subir a recadación antes de en modernizar o servizo, porque está claro que a empresa adxudicataria cobra uns cartos, que foron os que ela pedíu a cambio dunhas prestacións que non se están a cumprir e aí é por onde deben comezar, porque o servizo que se presta actualmente é inadmisible”, concretaron, antes de deixar claro que non serve como excusa nin xustificación que o contrato leve moito tempo vencido e funcione con prórrogas “porque iso é responsabilidade exclusiva do BNG, que é quen goberna no Morrazo”.
Neste senso, o PP comarcal esixíulle aos nacionalistas, que levan dez anos dirixindo os tres concellos e a Mancomunidade e non poden botarlle a culpa á Xunta “como fan de cotío” por este servizo municipal, que solucionen as súas leas internas, que son o foco do problema, xa que en vez de xestionar “aínda que cremos que son incapaces para elo”, adican todo o seu tempo a enfrontarse entre os tres alcaldes, posto que uns defenden a remunicipalización do servizo e outros queren manter a privatización.
Por elo, Hermelo, Piñeiro e Estévez reclamáronlle que se decidan dunha vez e comecen a traballar, “xa que os veciños do Morrazo non teñen porque aguantar máis tempo esta situación e que nos siga invadindo a suciedade, aínda que en realidade este é o famoso modelo BNG”, ironizaron.
Así, esixíronlles que, nun breve prazo, liciten un novo contrato ou municipalicen a recollida de lixo e a limpeza, xa que son eles os que gobernan a Mancomunidade, pero que rematen con esta indecisión e coas graves deficiencias do servizo e tamén lles adiantaron que defenderán os intereses económicos dos veciños, “xa que non imos aceptar que nos espeten unha taxa anual de 120 euros, que é case a mesma que hai en Vigo, cando os concellos do noso tamaño son capaces de prestar un servizo de calidade con tarifas bastante máis baixas”.