O PP do Morrazo apelan ao PSOE, EU e AV para que voten contra a “suba brutal” da taxa do lixo e non permitan que o BNG acometa este “expolio” aos petos dos veciños

O Morrazo, 1 de outubro de 2025.-

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de apelar aos nove concelleiros do PSOE, EU, AV e Non Adscrito que forman parte da asamblea xeral da Mancomunidade do Morrazo que voten en contra da “suba brutal” proposta polo BNG para a taxa do lixo e que, co seu rexeitamento na convocatoria de mañá, non permitan que os nacionalistas acometan este “expolio” aos petos dos veciños.

Os populares lembraron que esta proposta unilateral do BNG, que pretende duplicar as tarifas das vivendas de 67 a 126 euros anuais e multiplicar as de moitos negocios ata situalas en miles de euros, depende de que saia aprobada por maioría absoluta no máximo órgano da institución comarcal e apuntaron que os nacionalistas non dispoñen de tanta representatividade, xa que contan con 24 dos 55 membros fronte aos 22 do PP e se precisan 28 apoios para sacala adiante.

“Todo está en mans dos 6 concelleiros socialistas e dos edís de EU, AV e Non adscrito, polo que lles reclamamos a estes nove membros que se unan ao sentido común para tumbar este incremento fiscal e non sexan cómplices deste sablazo, porque hai milleiros de familias e economías domésticas que están moi axustadas e que teñen moitas dificultades para chegar a final de mes polos efectos da inflación e os prezos da cesta da compra, así que isto pode darlles a puntilla”, explicaron os voceiros Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.

O PP comarcal, que revelou que o malestar cidadá é xeralizado pola esaxeración dunha suba que situará a taxa en niveis próximos a Vigo e que xa está a xerar reaccións contrarias como a expresada por Fecimo, apuntaron tamén que algunhas forzas de esquerda, como o caso de AV en Cangas, xa votaron a favor da moción popular na que se pedía a retirada desta proposta de suba fiscal.

Neste senso, o PP comarcal apuntou a que existe “mala conciencia e opacidade” por parte do BNG, xa que a moción saíu aprobada en Cangas coa especificación de que se trasladase e informase deste acordo aos órganos da Mancomunidade “e non se fixo de xeito totalmente arbitrario nun intento do Bloque por aprobar este asalto da maneira máis rápida e desapercibida posible, pero teñen que saber que imos estar ao carón da xente ata o final e esgotaremos todas as posibilidades administrativas contra esta medida”.

“Pedímoslles aos nove concelleiros que non son do BNG que non fagan seguidismo desta proposta, porque non ten nin pés nin cabeza, e que actuén coa máxima responsabilidade coa nosa xente, cos 30.000 contribuíntes, aos que se queren sablear malia que sufrimos o peor servizo da provincia”, concretaron os populares, en convidaron aos colectivos e os veciños a asistir á asamblea xeral, fixada para mañá, xoves 2, ás 18.00 horas, co obxectivo de que expresen a súa oposición a esta suba fiscal.