O PP do Morrazo acusa ao BNG de tentar minimizar o “gravísimo impacto do sablazo” na taxa do lixo agochándose en bonificacións que beneficiarán a moi poucos contribuíntes

O Morrazo, 25 de setembro de 2025.-

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo acusaron hoxe aos gobernos locais do BNG de tentar minimizar o “gravísimo impacto do sablazo” que pretenden perpetrar na taxa de limpeza e recollida de lixo, cunha proposta de suba de 67 a 126 euros anuais para as vivendas, agochándose e presumindo de bonificacións, pero os populares alertaron de que beneficiarán a moi poucos contribuíntes.

“Falan dos descontos para xente Risga, vulnerables, familias monomarentais ou entidades sociais, que está moi ben que se recollan e que apoiamos plenamente, xa que as damos por descontadas. Pero este acto de xustiza non soluciona o problemón económico no que van sumir ás familias, porque os beneficiarios destas bonificacións non chegarán nin ao 3% dos 30.000 morracenses que pagan este tributo”, advertiron os voceiros Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.

Ademais, os populares engadiron que tamén aparecen recollidas outras rebaixas económicas na taxa para os usuarios que realicen accións de reciclaxe e separación de residuos, pero cren que “quedarán no limbo e sen beneficiar a ninguén porque non hai inspección ni control sobre as mesmas e non se sabe quen as efectúa para aplicar estes descontos”. “É unha acción cara a galería para quedar ben dicindo que van fomentar a reciclaxe e baixar as taxas, pero nin hai vixilancia nin van contratar nin o persoal nin os medios para saber como depositan o lixo as decenas de milleiros de persoas que viven na comarca”, apostillaron.

Ante esta situación, e despois de que o BNG aprobase a súa proposta na xunta de goberno da Mancomunidade do Morrazo para levala á asamblea xeral a próxima semana, o PP comarcal reiterou que vai votar en contra desta suba na sesión plenaria convocada para o 2 de outubro, xa que considera “estratosférico” que a taxa se incremente, no caso das vivendas, de 67 a 126 euros anuais.

Ademais, engadiron que a inmensa maioría da veciñanza da bisbarra está molesta por este forte incremento e non entende como se pode sacar adiante “coa mala calidade do servizo da actualidade, que é a das peores da provincia, e porque primeiro cren que debe mellorarse a prestación antes de pedirlle máis cartos aos cidadáns”. “O BNG pensará o que queira, e ademais se chegamos a esta situación é pola súa exclusiva responsabilidade e incompetente xestión porque levan dez anos gobernando nos tres concellos, pero os veciños cren que están poñendo o carro antes dos bois”, manifestaron os tres voceiros de Cangas, Moaña e Bueu.

Finalmente, os populares tamén lamentaron o “rosario de excusas” que está a empregar o BNG para tratar de xustificar este “asalto ao peto dos veciños” falando da lei de equiparación de gastos e ingresos nos servizos “xa que isto non o fan noutros de carácter municipal por medo a repercusións electorais xa que terían que subir moitas outras taxas”, falando do incremento de custes e da enerxía e incluso referíndose a Sogama, da que lembraron que é un sistema de tratamento de residuos voluntario que poden abandonar cando consideren, “pero non o fan porque é dos máis eficientes e baratos de España”.