O PP do Grove ve ao alcalde e o goberno socialista “totalmente fundidos e afundidos” na metade do mandato en clara sinal dun “fin de ciclo”
O Grove, 23 de xuño de 2025,
O grupo municipal do PP do Grove vén de facer un balance da primeira metade do mandato e percibe ao alcalde, José Antonio Cacabelos, e ao goberno socialista “totalmente fundidos e afundidos” tras estes dous anos, polo que cre que emiten claras sinais dun “fin de ciclo”.
A formación liderada por Pablo Leiva advertíu que o Concello “leva dous anos completamente perdidos” e concretou que se trata, sen dúbida, do peor período do rexedor durante esta década: “Nunca compartimos a maneira de facer política de Cacabelos e ademais non adoitamos a coincidir coa maioría das súas decisións desde o ano 2015, pero estes dous últimos exercicios lévanse tristemente a palma da ineficiencia e a ineficacia. Así nolo trasladan a maioría dos veciños do Grove, pero ademais o alcalde sábeo perfectamente e é consciente de que non lle está a dar á vila o que necesita”.
Para o PP, os principais retos e proxectos en materia de equipamentos, servizos e investimentos atópanse totalmente paralizados, polo que non hai avances na mellora das estradas e pistas, incluíndo a necesaria remodelación da Avenida Luis Antonio Mestre; nas instalacións deportivas, xa que, entre outras cousas, aínda se está coa tramitación administrativa das Bizocas; o una reorganización turística, cos 2 millóns de euros do Plan de Sostenibilidade Turística da Gastromeca agardando a ser executados; entre outras cuestións.
“Nin consegue que lle arraxen as estradas nin tampouco fai o propio coas vías municipais e, polo que sexa, tras anos botando a culpa á Xunta do bloqueo de Luis Antonio Mestre, xa lle caeu a careta e descubriuse que non se mellora porque el non quere asumir a metade do orzamento que lle corresponde polos servizos municipais. Porque moito fala de Sanxenxo ou Vilanova, pero estes concellos si que poñen as súas achegas e por iso teñen obras, mentres no Grove temos o alcalde que temos”, significou Leiva.
O voceiro, que tamén criticou que siga cos permisos para As Bizocas cando se leva falando anos do proxecto, engadíu que outro dos grandes problemas estriba na planificación turística para apostar pola sostibilidade e a desestacionalización, “pero non é quen de executar o plan que ten sobre a mesa e que lle foi concedido pola Xunta con 2 millóns de euros mentres se enfronta directamente ao sector, paraliza as accións e os investimentos ou bota da vila aos promotores de eventos, como foi o caso do festival Son do Mar”. “Estamos ante un auténtico desastre en todas as áreas e todos os ámbitos”, indicou, antes de lamentar a escasa atención aos veciños “dun executivo que non escoita nada á xente”.
Ademais, o concelleiro popular concretou que son a Deputación de Pontevedra, cos seus investimentos millonarios, e a Mancomunidade do Salnés, que vén de pechar o financiamento para reforzar a tubaría do abastecemento que garanta a subministración de auga “que Cacabelos non foi quen de acometer”, as dúas administracións “que están a rescatarnos da nada máis absoluta”. Neste senso, tamén engadíu a colaboración da Xunta “na medida que lle deixa un alcalde tan sectario como Cacabelos” e lembrou que neste mese vaise licitar a ampliación e mellora do CEIP Rosalía de Castro por 2,6 millóns de euros para tentar comezar os traballos antes de finais de ano.
Finalmente, o PP do Grove lamentou que a toda esta falta de xestión e ao esgotamento do goberno socialista engádese a postura “cesarista, autoritaria e prepotente, a uns niveis que ata agora nunca alcanzara” do alcalde Cacabelos malia que nas últimas eleccións os grovenses déronlle un toque e perdeu a maioría absoluta. “Tiña que escoitar e analizar o resultado e actuar con moita máis humildade e apostando polo diálogo coa oposición, pero desgrazadamente optou polo camiño contrario”, sinalou Leiva, que tamén criticou que, aínda por riba, estea a potenciar moito máis neste mandato a súa actitude de “confrontación e enfrontamento con todo o mundo no marco desa conspiración contra a súa persoa que só el percibe”.