O PP do Grove vai incorporar a Laura Domínguez Sineiro ao grupo municipal para completar a súa remodelación ata final do mandato
Xoves, 2 de abril de 2026
O PP do Grove vai incorporar próximamente a Laura Domínguez Sineiro ao grupo municipal para completar a súa remodelación ata final do presente mandato. Deste xeito, esta moza tomará o testemuño tras a renuncia de Alejandra Lamas, que pechou unha longa etapa nos populares mecos, e estrearase na corporación xunto a Joaquín Prol, que substituirá ao ex voceiro, Pablo Leiva, tras a súa dimisión pola elevada carga laboral do seu bufete.
Laura Domínguez, que concorreu de número 6 na candidatura do PP nas municipais do ano 2023, traballa como profesional de xestión de recursos no sector da pesca e do marisco nunha empresa familiar e tdestaca por ser unha muller emprendedora, especializada en novas tecnoloxías, moi conectada coa xuventude e cun gran afán solidario e a prol do voluntariado.
A voceira municipal, Carolina Otero, explicou que a incorporación de Laura Domínguez producirase tan pronto como cheguen as correspondentes credenciais por parte da xunta electoral e tome posesión como concelleira no pleno, unha circunstancia que podería coincidir na mesma sesión que a de Joaquín Prol.
A nova responsable local quixo agradecer a súa chegada e que aceptase a encomenda de ser concelleira do Partido Popular, do mesmo xeito que Joaquín Prol, e deulle a benvida a ambos “totalmente convencida de que vai supoñer un novo impulso para a nosa formación a apenas catorce meses para as eleccións municipais de 2027”.
Carolina Otero, que liderará o grupo municipal e estará acompañada por Santi Mariño e polas dúas novas incorporación, quixo agradecer a rápida aceptación de Laura Domínguez, xa que salientou que isto amosa o seu elevado grao de implicación e compromiso co proxecto popular e as súas gañas de traballar polos veciños e polo pobo do Grove.