O PP do Grove lamenta a “nula sensibilidade e o castigo” do goberno local ás familias e os cativos por manter as taxas de conciliación públicas máis altas da provincia

Xoves, 11 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP do Grove vén de lamentar a “nula sensibilidade e o castigo” que o goberno de José Antonio Cacabelos inflinxe ás familias e aos cativos nos servizos estivais de conciliación, consistentes nunha ludoteca en un campamento, por manter as taxas públicas máis altas de entre todos os concellos da provincia de Pontevedra.

Os populares insistiron en reclamar un “maior esforzo” por parte do executivo socialista para “empatizar e axudar” ás economías familiares dos veciños, especialmente tras coñecer o prezo de licitación do servizo, fixado en 90.000 euros para os dous meses de xullo e agosto. Así, indicaron que o custe ascende a 45.000 euros mensuais e que, dado que adoitan a participar 300 cativos entre estas dúas actividades, vaise cubrir a totalidade do gasto “agás que haxa unha rebaixa na adxudicación en cuxo caso, e xa sería o colmo, o Concello ata gañaría cartos coa conciliación”.

Neste senso, a voceira municipal, Carolina Otero, engadíu que a cobertura total do gasto dun servizo coas taxas que pagan os usuarios “é algo que di a normativa”, pero advertíu de que o Concello non fai o mesmo coas demais servizos, onde asume déficits poñendo gran parte do custe: “Na conciliación si cargan no peto da xente e apenas asumen unha contía irrisoria, pero nos demais servizos non aplican a mesma política, como no caso do lixo, xa que aí non son tan valentes”.

A concelleira do PP, que cre que o goberno de Cacabelos aínda está a tempo de modificar á baixa as taxas “e poñerse do lado dos veciños con ese tan cacarexado escudo social do que fachendan os socialistas e que neste caso non se por ningures”, reiterou que cobrar 155 euros mensuais pola ludoteca e 130 polo campamento “é totalmente desorbitado” e non resiste a comparación cos demais concellos da provincia, que se moven entre a gratuidade e os 90 euros mensuais nos casos máis altos.

Finalmente, Carolina Otero lamentou que o Concello do Grove fixe prezos para a conciliación estival propios do sector privado “nun tema tan sensible para as familias xa que moitas teñen que empregalo para poder traballar” e incidíu en que debía ser unha cuestión universalizada “nuns termos que, sen entrar nunha posible gratuidade que sería a solución ideal, teña unhas tarifas públicas e asequibles”.