O PP do Grove elixe a Carolina Otero Lois como nova voceira municipal e abre unha nova etapa como única alternativa de goberno fronte ao esgotamento de Cacabelos e o PSOE
Martes, 24 de marzo de 2026.-
O PP do Grove celebrou onte á noite un encontro a través da súa xunta local para a elección dun novo voceiro municipal e elixíu á concelleira Carolina Otero Lois como máxima representante do grupo municipal para abrir unha nova etapa como única alternativa de goberno fronte ao evidente esgotamento e parálise do goberno de José Antonio Cacabelos e o PSOE.
O principal órgano de representación do PP meco valorou moi positivamente as moitas cualidades dos catro concelleiros que conforman actualmente o grupo municipal tras a incorporación de Joaquín Prol –que vai substituír a Pablo Leiva tras a súa marcha por motivos laborais– e finalmente opotou por esta traballadora no ámbito da xestión do sector do mar pola súa xuventude, preparación e gran dinamismo social.
Carolina Otero, que concorreu de número tres na candidatura do PP nas municipais do ano 2023, leva máis de dúas décadas vencellada ao partido cun elevado grao de implicación e compromiso na vida orgánica, concorrendo en moitas ocasións nas listas populares nos comicios locais. É nai, moi apegada á súa familia e está moi volcada no sector do mar e no deporte.
“Ábrese un novo tempo, que afronto coa maior das ilusións e das responsabilidades, pero que non se trata dunha cuestión individual, senón de equipo, e por iso todo o protagonismo vai ser para todo o grupo municipal e para todo o PP do Grove, porque precisamos de todos nun momento complicadísimo para o goberno local no que se ten que plasmar que o futuro do Grove pasa polo Partido Popular”, sinalou a nova voceira.
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, que acudíu ao encontro coa secretaria xeral, Luisa Piñeiro; o vicesecretario de Acción Electoral, Javier Tourís, e a coordinadora comarcal do Salnés, Paz Lago, aplaudíu a decisión do PP local: “Temos un grandísimo equipo, con xente moi diversa que é coñecida e recoñecida e que sempre aporta moito, polo que podería ser calquera dos catro, pero decidíronse pola mocidade e frescura dunha muller moi cercana aos veciños, así que non podo máis que louvar unha decisión que vai ser un éxito”.
Finalmente, reclamoulle tanto a Carolina Otero como aos concelleiros e membros da xunta local “moito traballo, moita atención aos veciños e unidade de acción, porque, por este camiño, dentro de pouco tempo poderemos ter cousas moi bonitas que celebrar nesta sede”.