O PP do Grove denuncian novamente o abandono e falta de mantemento das praias e dos seus accesos e reclaman unha actuación urxente do goberno local
Xoves, 25 de xuño de 2026.-
O grupo municipal do PP do Grove vén de denunciar novamente o estado de abandono absoluto e a falta de mantemento das praias e dos seus accesos malia a recente entrada do verán, polo que reclámalle ao goberno de José Antonio Cacabelos que acometa unha actuación urxente nos máis de vinte areais do concello para que estean en boas condicións.
Os populares salientaron que os problemas son xeralizados en todas as praias e que as poucas medidas adoptadas polo executivo socialista son cativas e insuficientes, en referencia á recente reordenación de accesos nas Pipas e Area de Reboredo coa habilitación dun aparcadoiro disuarios, pero exemplificou o estado de abandono co caso da Lanzada, cuxas pasarelas e accesos presentan roturas e deterioros, problemas estruturais, sensación de inseguridade e incluso, nalgúns casos, imposibilidade de acceso pola falta de elementos e a pendente.
A voceira popular, Carolina Otero, lembrou que existen numerosas queixas todos os anos, procedentes de veciños e visitantes, pola falta de limpeza, as importantes eivas nos accesos e incluso o vandalismo, e lamentou a actitude de pasotismo do goberno local, “que moitas veces actúa tardísimo, incluso no mes de agosto, ou simplemente pasa e non fai nada en todo o verán”.
Ademais, a concelleira do PP recalcou que esta situación repítese por cuarta vez no presente mandato cando xa chegou o verán e ironizou co “pleno” do executivo de Cacabelos: “Desde que tomou posesión en xuño de 2023, O Grove afronta o seu cuarto verán consecutivo coas praias sen acondicionar e totalmente a monte e nisto si que son un goberno moi regular e constante. Hai moitas cousas que precisan os veciños e que quedan atrás, pero cando se trata de abandonar os nosos areais, que son fundamentais polo noso xeito de vivir dado que somos unha península, aí o alcalde nunca falla”.