O PP do Grove denuncia irregularidades graves na senda dos Burros Fariñeiros por carecer do consentimento dos propietarios e acusa ao goberno de mentir no pleno

Mércores, 30 de setembro de 2026.-

O grupo municipal do PP do Grove vén de denunciar a existencia de graves irregularidades na creación do Camiño dos Burros Fariñeiros, posto que o goberno local sacouna adiante sen o consentimento dalgúns propietarios dos terreos afectados. Ademais, os populares acusaron ao executivo socialista de José Antonio Cacabelos de mentir ao respecto no pleno, xa que lembraron que, na sesión anterior, garantiron públicamente que tiñan autorización de todos os donos.

O PP local reuníuse posteriormente con varios veciños titulares dos terreos afectados por esta senda e deixáronlle claro que non deron o seu consentimento por escrito en ningún momento, polo que queren saber os motivos polos que o Concello do Grove procedeu a unha ocupación destas características por medio dunhas irregularidades que poden ter graves consecuencias.

“Hai dúas cuestións lamentables neste asunto. Por unha banda, que unha administración pública faga unha obra ás bravas e sen os permisos correspondentes, e por outra que se lle minta abertamente á oposición nun pleno, que é o órgano máis importante e que representa a todos os veciños”, aseverou a voceira municipal, Carolina Otero, que esixíu a depuración de responsabilidades políticas no seo do goberno local e que trasladará toda esta problemática na sesión plenaria fixada para este serán.

Así mesmo, a concelleira engadíu que esta situación irregular posiblemente motivara a resistencia do goberno de José Antonio Cacabelos a entregar a documentación e o expediente deste Camiño dos Burros Fariñeiros que foi solicitada polo PP meco. En todo caso, os populares reiteraron a súa petición para que se lle entregue toda a tramitación do proxecto así como todas as referencias catastrais afectadas coa respectiva sinatura de autorización adxunta.

Presenza de ratas e peche do PAI

Noutra orde de cousas, o PP do Grove tamén levará ao pleno convocado para hoxe a situación que está a vivir o Punto de Atención á Infancia (PAI) despois de que nas súas instalacións se detectase a presenza de ratas e se tivese que proceder ao seu peche durante tres días, co conseguinte trastorno e molestias para as familias.

Desde o PP queren saber os motivos polos que se chegou a esta situación e se non se fixeron previamente inspeccións periódicas, así como accións de desratización e control de pragas para garantir que esta instalación infantil estea sempre en boas condicións. Ademais, tamén reclamarán a adopción de medidas necesarias para que estes feitos non se volvan a repetir no futuro.