O PP do Grove censura que o goberno non solicitara as axudas da Xunta para socorristas “como se lle sobraran os cartos” e achacáo ao esgotamento de Cacabelos
Martes, 5 de maio de 2026
O grupo municipal do PP do Grove vén de censurar ao goberno local por non solicitar as axudas da Xunta de Galicia para sufragar o servizo de socorrismo estival nas praias “como se lle sobraran os cartos e non fixeran falta para obras e servizos” e achacou esta neglixencia ao absoluto esgotamento do alcalde, José Antonio Cacabelos, e do grupo socialista.
“É inaudito que unha subvención tan fácil de conseguir, porque se concede a absolutamente todos os concellos que a solicitan e que cumpren os requisitos, e que o propio executivo do Grove pedía e recibía todos os anos, se vaia a perder simplemente por non enviar un papel. Esta é a clara mostra, que por desgraza se repite en moitos outros casos, do deterioro que padece o Concello”, lamentouse a voceira popular, Carolina Otero.
Neste senso, o PP local non entende que o rexedor se estea laiando constantemente da falta de fondos do Concello e dos problemas do financiamento das administracións locais para atender axeitadamente os servizos e “desaproveite oportunidades tan claras como esta”, das que si van beneficiar case todos os municipios do Salnés.
Carolina Otero lembrou que Cacabelos empregou, durante moitos anos, unha estratexia de confrontación directa coa Xunta de Galicia centrada exclusivamente no busca de réditos electorais, “pero a realidade está a desmontalo por completo, posto que o Goberno galego está a demostrar un compromiso bastante maior co Grove que o propio alcalde e o equipo socialista”. Así, lembrou o proxecto de desdobramento da autovía, o convenio para a Avenida Luis A. Mestre, as obras nos colexios Rosalía de Castro e Conmeniño ou os investimentos portuarios e pesqueiros, entre moitas outras, “mentres o goberno local só protagoniza retrasos, excusas e perdas de subvencións”.
“Estamos ante un goberno cansado, sen gañas, que vai arrastrando os pés e ao que este mandato se lle está facendo eterno, pero os que pagan este pasotismo son os veciños”, concluíu a concelleira do PP.