O PP do Grove censura que Cacabelos tente defender o PXOM atacando á oposición en vez de mellorando o documento e escoitando aos veciños cunha nova información pública
Martes, 16 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP do Grove vén de censurar que o alcalde, José Antonio Cacabelos, tentara defender o proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co gallo do pleno extraordinario convocado onte para a súa cuarta aprobación provisional, atacando á oposición -principalmente ao Partido Popular- en vez de optar por mellorar un documento que presenta moitas eivas e por escoitar aos veciños cunha necesaria fase de información pública, xa que a inmensa maioría descoñece os cambios susbtanciais no seu contido.
Os populares insistiron hoxe en defender a súa abstención, que por certo foi a mesma que o BNG malia que o rexedor apenas criticou o seu voto, xa que baséase no mesmo que dixo textualmente o propio Cacabelos no pleno: “Posiblemente non sexa o mellor documento urbanístico”.
“Se o alcalde, que é o impulsor do documento, di isto, que podemos agardar deste PXOM? Estamos ante un plan con falta de solo empresarial e no que se produciron modificacións de clasificación urbanística, de edificabilidade e de posibilidades de uso do solo que non coñecen os veciños, polo que cremos que ten todo o sentido do mundo que haxa información, transparencia e participación cidadá, pero o alcalde se nega alegando que o documento está colgado na web, aínda que non todo, porque agora lle entraron as présas tras non ser capaz de aprobalo nos seus once anos”, manifestou a voceira municipal, Carolina Otero.
A concelleira do PP advertíu que debe emprenderse un procedemento aberto que outorgue garantías legais aos grovenses e insistíu en que “non reúne todas as necesidades reais do concello e así nolo transmiten os veciños”. Ademais, tamén lle replicou a Cacabelos, sobre a necesidade de que algún grupo votara a favor posto que se necesita maioría absoluta e o PSOE está en minoría, que se o documento era tan importante tamén puido aprobalo no mandato anterior no que tiña 9 concelleiros, xa que hai que lembrar que leva 11 anos co Plan Xeral a voltas.
“Unha abstención non é votar en contra por moito que terxiverse o alcalde, unha abstención é unha abstención, porque nós temos moi clara a nosa postura que é PXOM si, pero non así”, recalcou a edil popular.
Carolina Otero, que salientou que o PP vai seguir defendendo os intereses dos veciños do Grove ante a súa preocupación polas posibles repercusións desta normativa urbanística, tamén lamentou que o alcalde “non fora tan valente” nas súas críticas ás trabas da Dirección Xeral de Costas simplemente porque está rexida polos seus compañeiros socialistas no Goberno de España e afeoulle por completo a súa acusación de “bipolaridade política” cara os populares, “posto que é un comentario de mal gusto que está totalmente fóra de lugar”.
Finalmente, a voceira do PP calificou de “esaxeradas e sobreactuadas” as críticas que verteu Cacabelos aos populares e cre que foron “froito da súa desesperación, xeralizada pola mala xestión deste mandato e tamén circunscrita ao PXOM posto que coñece as dúbidas e malestar dos veciños”.
“Que levaramos todos estes anos pedindo o PXOM non significa, como todo o mundo entende, que vaiamos votar a favor de calquera que nos poña diante e este plan é malo para O Grove. E proba diso é que, en vez de falar do que vai supoñer e do que vai mellorar a vida da xente, céntrase en falar de hai doce anos, en criticar ao PP e en presumir de que toma decisións cando parece esquecer que leva gobernando desde 2015 e seguimos agardando”, concluíu.