O PP destapa un “pufo” de 2 millóns de euros reclamados por Urbaser polo contrato do lixo mentres o BNG arrastra un contrato caducado desde o ano 2018
O Morrazo, 6 de maio de 2026
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de destapar un escándalo económico de proporcións maiúsculas na xestión da Mancomunidade de Concellos do Morrazo. A análise da documentación oficial da Conta Xeral do exercicio 2025, á que tiveron acceso onte mesmo os populares, revela un «burato negro» financeiro froito da pésima xestión do goberno do BNG e os seus socios.
Segundo consta na Memoria da Conta Xeral redactada pola Intervención, a empresa concesionaria do servizo de lixo, Urbaser, ten presentadas facturas nas que reclama á Mancomunidade o pago de 1.586.696,64 euros en concepto de «custos reais correspondentes ao exercicio 2025», ademais de esixir a compensación doutros 433.037,89 euros pola venda de subprodutos.
«Estamos a falar de case dous millóns de euros de pufo que o goberno intentou ocultar e que lastran calquera viabilidade do servizo. É a constatación documental de que a Mancomunidade está nunha situación de quebra técnica e inestabilidade financeira por culpa dunha xestión neglixente», denuncian os tres voceiros populares, Dolores Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.
Á gravidade da situación económica súmase á parálise administrativa confesada nos propios informes da entidade. A documentación técnica admite que o contrato con Urbaser iniciouse no ano 2010 cun prazo de 8 anos. «O seu período natural caducou no ano 2018. Levan case 8 anos arrastrando o servizo a base de prórrogas e parches ata esgotar todas as vías legais no pasado mes de outubro, condenando ao servizo a unha ‘continuidade forzosa’ por non ter os pregos feitos. É unha vergoña histórica», sentencian desde o PP morracense.
De feito, na memoria xustificativa do custo e rendemento avaliada pola Intervención, o propio goberno cualifica como «Non alcanzado» o seu obxectivo estratéxico de licitar un novo contrato de 10 anos. A todo isto súmase que a Intervención advirte de que a Mancomunidade incumpriu o obxectivo de estabilidade orzamentaria, obrigando á elaboración dun Plan Económico-Financeiro (PEF), e constata ademais o incumprimento dos prazos legais para render contas aos organismos de control.
Alcaldes: morosos
O Partido Popular sinala en primeira instancia á responsabilidade da alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, cuxo goberno ostentaba a presidencia da Mancomunidade durante ese mesmo exercicio 2025 e que operou coa complicidade de Leticia Santos e Félix Juncal. O estado de execución de ingresos é demoledor: Cangas non ingresou nin un só euro da súa achega anual, acumulando unha débeda de 184.086 euros e a mesma actitude irresponsable reproduciuse no Concello de Bueu, que tamén deixou sen abonar os seus 97.608 euros de cota.
«É un nivel de cinismo político insoportable», denuncian os populares. «O goberno de Cangas presidía a Mancomunidade mentres, de forma deliberada, a asfixiaba economicamente non pagando a súa cota do mesmo modo que Bueu. E mentres actuaban como morosos, levaban meses preparando o gran ‘taxazo’ do lixo, argumentando falsamente que o servizo necesitaba recadar máis cando foron os seus propios concellos os que provocaron a quebra», critican.
Ordenanza Sancionadora
Para o PP, este burato millonario e os 8 anos de xestión caducada explican as recentes manobras caciquís da Mancomunidade: «Resulta intolerable e un insulto que se atrevan a impoñer, con présas e pasándolle por riba á Asemblea, unha nova ordenanza con sancións e coaccións a veciñanza, o comercio e a hostalería mentres eles incumpren coas súas obrigas máis básicas”.
«Agora entendemos o nerviosismo e escurantismo para aprobar a nova ordenanza do lixo de xeito exprés vía xunta de goberno. Necesitan desesperadamente instaurar un réxime sancionador para recadar diñeiro dos veciños, inflando os ingresos para tentar tapar os case 2 millóns de euros que reclama Urbaser», sentencian os populares da comarca.