O PP DESBLOQUEA MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS PARA CANGAS ANTE AS GUERRAS INTERNAS DA ESQUERDA

Cangas (Pontevedra), 25 de setembro do 2026

O Partido Popular de Cangas demostrou no Pleno celebrado onte a súa responsabilidade e compromiso coa veciñanza ao posibilitar a aprobación da modificación de crédito financiada cos remanentes de tesourería. O voto afirmativo dos populares resultou decisivo para mobilizar algo máis dun millón de euros destinados a quince actuacións de urxencia no municipio. Moitas destas intervencións, entre as que figuran melloras en colexios, parques infantís, viais e dotacións públicas, foran reclamadas de forma continuada polo propio PP a través de diversas iniciativas e mocións plenarias ao longo deste mandato.

A maiores, o grupo maioritario da Corporación celebra que durante o debate plenario a concelleira de Obras recoñecese por fin a existencia do proxecto para acondicionar a avenida de Bueu, unha realidade que o goberno viña negando de xeito sistemático ata o de agora. Dende o Partido Popular alégranse deste avance, pero esixen que o documento técnico se faga público, xa que resulta imposible confiar nun executivo que oculta información e é imprescindible garantir que a obra se execute de verdade e non quede nunha nova promesa incumprida.

A sesión plenaria volveu evidenciar que o voto da formación foi a única chave para evitar unha nova parálise en Cangas. situación do executivo era aínda máis precaria ao acudir ao debate nunha maior minoría da habitual: o tripartito —que conta con 10 concelleiros sobre un pleno de 21— quedou con só 9 actas na sesión pola incomprensible ausencia do concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Nöel Malvido, nun día clave para os investimentos municipais. Cun goberno de 9 fronte a unha oposición maioritaria, a negativa radical de Alternativa dos Veciños (1) a apoiar o expediente deixaba a proposta matematicamente sentenciada.

A concelleira de Alternativa dos Veciños (AV), Victoria Portas, mantivo en xaque ao goberno local durante todo o debate, presentando unhas emendas sen negociar e ameazando explicitamente con bloquear e tombar a proposta se non se pregaban ás súas esixencias. Foi unicamente o anuncio do Partido Popular confirmando o seu voto favorable —tras dous tensos recesos nos que o tripartito daba xa por perdida a votación— o que desbaratou o intento de boicot de AV e forzou a súa abstención final no último minuto.

 

O fin do relato victimista

O acontecido no Pleno derruba definitivamente o relato victimista co que o tripartito de BNG, PSOE e EU tentou xustificar a súa inacción ao longo de todo o mandato. Como vén sendo o seu costume habitual, adicaron o último ano a sinalar aos demais e a acusar á oposición de bloquear Cangas unicamente para tapar as súas propias carencias, a súa nula xestión e a falta absoluta de iniciativa política. O tempo demostrou quen bloqueaba realmente o avance do municipio: foron BNG, PSOE e EU os que paralizaron Cangas por non ter proxectos redactados nin capacidade de traballo, ofrecendo á veciñanza só fume, titulares e propaganda.

Dende o Partido Popular destacan a absoluta coherencia da súa postura fronte aos intereses partidistas. Os populares apoian as medidas cando se poñen sobre a mesa proxectos concretos e partidas definidas con rigor que redundan en beneficio directo da veciñanza de Cangas, pero rexeitan de plano asinar cheques en branco. O goberno local esgotou xa todas as escusas tras máis de tres anos de mandato; se Cangas continúa a sufrir abandono e pola única responsabilidade é da incapacidade xestora do tripartito.

A pesares de facilitar a aprobación dos fondos, o PP manifesta o seu escepticismo sobre a capacidade real do executivo da nacionalista Araceli Gestido para materializar estas obras antes de que remate o ano. O tripartito trouxo esta proposta de xeito tardío e totalmente descafeinado, rachando o seu compromiso expreso de convocar unha sesión extraordinaria en agosto para abordar os remanentes. O problema nunca foi a falta de cartos nas contas, senón que o goberno carece dun proxecto de futuro para a vila.

 

Once anos de liortas

O espectáculo vivido onte no salón de plenos reflicte con crueza a tónica xeral dos últimos once anos no municipio. As guerras cruzadas, os vetos e as batallas de egos entre as distintas forzas da esquerda en Cangas tiveron como consecuencia directa un pobo abandonado, sucio e con servizos públicos cada vez máis deteriorados. Mentres os partidos do tripartito e os seus socios prioritarios seguen enfrontados competindo pola foto, o protagonismo e o sillón, o Partido Popular de Cangas continuará a exercer unha oposición útil e rigorosa, traballando con seriedade e pensando exclusivamente no benestar dos veciños.