O PP denuncia que os veciños de Cangas, Moaña e Bueu pagarán 38 euros anuais máis que os de Marín pola taxa de recollida de lixo e achácao á “nefasta xestión” do BNG

O Morrazo, 7 de outubro de 2025.-

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de denunciar a “discriminación e o castigo fiscal innecesario” que os gobernos locais do BNG van inflinxir aos veciños de Cangas, Moaña e Bueu, que pagarán a partires do próximo ano 38 euros anuais máis que os de Marín pola taxa de limpeza e recollida de lixo, xa que, de prosperar o luns a proposta nacionalista na Mancomunidade do Morrazo pagarán 126 euros por vivenda fronte aos 88 do outro concello morracense, que a vai manter conxelada.

Os populares sosteñen que isto débese exclusivamente á “nefasta xestión” do Bloque, que leva sostendo durante anos o peor servizo de recollida de lixo da provincia e que agora “pretende meter un auténtico sablazo aos veciños sen que haxa ningunha garantía de mellora nesta prestación, xa que o BNG ten unha capacidade de xestión inversamente proporcional á que ten para manifestarse, é dicir, ningunha”.

O PP non entende, ademais, porque estes tres concellos do Morrazo van fixar a taxa das vivendas en 126 euros anuais e porque van multiplicar ata por seis a de moitos negocios –algúns dos cales xa anunciaron que é insostible e que se verán abocados ao peche– cando nos demais municipios de tamaño medio da provincia, tras acometer as correspondentes subas moito máis razoables, abonaranse entre 90 e 100 euros anuais por este servizo.

Así, Marín manterá a taxa conxelada e queda en 88 euros, Lalín subiuna un 20% e pagan 93, Baiona vai medrar nun 25% e chegará a 97 euros mentres que Redondela incrementouna un 41% e fixouna en 100 euros. Neste senso, o PP tamén falou do caso de Ponteareas, onde a alcaldesa Nava Castro elevouna ata os 150 euros “despois de tres mandatos de despilfarro absoluto do BNG e de ter que asumir unha nefasta herdanza económica que deixaba o Concello ao bordo do colapso e cos servizos en perigo”.

Ademais, os voceiros Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez tamén lamentaron a “absoluta incoherencia” do BNG en todo este asunto, xa que os seus compañeiros de Baiona tildan inxustificadamente de brutal a suba do 25% proposta polo alcalde popular para levar a taxa ata os 97 euros “mentres na nosa comarca espetan un 90% malia o enorme clamor social e poñen a taxa en 126 euros e din, de xeito irreal, que é necesario”.

Por último, os populares advertiron que os nacionalistas, polo que manifestan en privado, manexan unha axenda política “medio oculta” na que contemplan incluso unha nova suba deste tributo dentro de dous anos despois das eleccións municipais. Dita cuestión tentou ser repelida faliidamente onte no pleno polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, que, ante o enfado cidadá, insinou que poderían chegar a baixala, polo que a popular Elena Estévez lle afeou que, entón, sería mellor non acometer agora mesmo unha suba tan elevada.

O surrealismo do PSOE

Noutra orde de cousas, o PP do Morrazo tamén tildou de “surrealista” a postura do PSOE, cuxos concelleiros van votar distinto segundo estean nos gobernos locais ou non, o que, para os populares, “supón un perfecto exemplo da falta de proxecto, de coherencia e de rumbo” dos socialistas na comarca e na provincia. “O PSOE ten que aclararse, ou a suba do lixo é necesaria e xusta ou non o é, están dando unha imaxe lamentable, e ademais a súa postura é moi importante, xa que os seus 6 votos na asamblea xeral da Mancomunidade teñen a chave da aprobación da ordenanza, posto que o BNG precisa 28 votos e ten 24, así que apelamos á súa responsabilidade e que se poñan a carón da xente”, incidiron desde o PP.

O PP de Moaña auséntase como protesta

Finalmente, o PP de Moaña explicou hoxe que a súa ausencia á comisión informativa celebrada na tarde do luns e previa á asamblea xeral da Mancomunidade de Morrazo fíxose como un xesto de protesta “ante o autoritarismo e falta de diálogo do BNG e as mentiras que está a verter a alcaldesa sobre este asunto”. Os populares moañeses aclararon que son “hiperresponsables” coa representatividade que ostentan dos veciños e acudirán á asamblea a votar contra a suba da taxa, “pero, dado que a comisión só ten valor informativo, quixemos, coa nosa ausencia, amosar o noso desacordo non só co sablazo do lixo, senón tamén coas maneiras do BNG”.