O PP denuncia que as praias de Cangas seguen sen balizar outra semana máis mentres o salvamento carece dunha das súas embarcacións

Cangas (Pontevedra), 17 de xullo do 2026.

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe a «insostible» situación na que se atopan os arenais do municipio en plena tempada alta estival. Os populares acusan ao goberno local de instalarse de xeito permanente na política do parche e a improvisación, amosando unha nula capacidade de previsión que pon en risco a seguridade de bañistas e usuarios sen que ninguén asuma ningunha responsabilidade pola súa mala xestión.

Desde o PP cualifican de «intolerable» que as 20 praias comprometidas, das 38 que dispón o concello sigan sen acoutar a estas alturas do mes de xullo. A pesar das promesas do BNG, PSOE e EU que aseguraron a principios de semana que o obxectivo era ter o sistema listo para este vindeiro fin de semana —o terceiro do mes—, “a realidade de rúa desmentiu de novo a propaganda do tripartito”.

Este atraso cronificado, provocado por un concurso público que o goberno local deixou quedar deserto, mantén desprotexidos os arenais; de feito, a falta de delimitación da distancia mínima xa obrigou a dar avisos a varias embarcacións de recreo na ría de Aldán para que se afastasen dos bañistas. «Onde están as balizas? Cando esperan balizar as praias, en Nadal?», pregúntanse os populares.

Privatización e recortes

Ao caos do balizamento súmase que unha das dúas embarcacións das que dispón o servizo de socorrismo segue inoperativa en metade da campaña de verán. «Cando pensan poñer operativa a outra embarcación? Cando remate o verán?», afean desde o grupo maioritario da corporación á vez que recordan que a outra comezou a estar operativa recentemente. “Os patróns das embarcacións estiveron dúas semanas sen nada que patronear” critican.

A situación do salvamento na vila reflicte un goteo constante de recortes do tripartito. O servizo non só está privatizado, senón que desde o ano pasado arrastra un recorte de unha hora menos de vixilancia diaria. Esta tesoira no horario tradúcese en praias menos atendidas, xa que o goberno local segue sen recuperar os socorristas en arenais que si contaban con este servizo de protección no ano 2015, tales como Melide, Areamilla, Arneles, Francón e Areacova.

Postos rotos

Esta parálise municipal tamén se ve reflectida no estado de abandono no que se atopan os postos de socorrismo ou os baños públicos, así como na falta de accesibilidade na maioría dos arenais, entre outras moitas deficiencias.

“O goberno, en lugar de reaccionar, continúa coa súa política de parches e improvisación, sen dar explicacións ante a falta de previsión, un ano máis, e sen asumir ningunha responsabilidade pola súa mala xestión” declaran. «Presumen dun orzamento histórico de 20 millóns, pero Cangas funciona baixo mínimos porque o tripartito prefire mirar para outro lado antes que xestionar», conclúen.