O PP denuncia o «ninguneo» de Pedro Sánchez a Vilagarcía coa complicidade de Varela ante o colapso dos xulgados

Vilagarcía de Arousa, 28 de xaneiro de 2026

O Partido Popular de Vilagarcía de Arousa manifesta a súa «indignación» ante o que parece unha decisión definitiva do Goberno de Pedro Sánchez de excluír novamente á nosa cidade do plan de creación de unidades xudiciais. Unha decisión que, para os populares, conta coa «complicidade silenciosa» do alcalde Alberto Varela, quen prefire «agachar a cabeza ante os seus xefes en Madrid antes que defender con firmeza o que lle corresponde aos veciños».

Dende o PP local lembran que a saturación que sofren os xulgados de Vilagarcía non é unha opinión política, senón un feito recoñecido tanto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como pola propia Xunta de Galicia na Comisión Mixta. «A carga de traballo que soportan os funcionarios e profesionais da xustiza na nosa cidade é moi grande, e iso tradúcese directamente en atrasos para os cidadáns en temas tan sensibles como procesos de familia, ou protección a vítimas de violencia de xénero «, explica o deputado nacional do Partido Popular, Juan Bayón.

Menos fotos e máis solucións

Para a formación popular de Vilagarcía, a actitude do goberno local de Varela é «decepcionante». «Fai dous anos o alcalde presumía da súa xestión cunha foto de pasillo co Ministro de Xustiza. Agora, seguimos peor, sin que se traducise en nada bo para Vilagarcía», critica Ana Granja.

A unha pregunta por escrito do deputado Juan Bayón, o goberno central respondeu no ano 2024 que, coa nova organización xudicial, “se podría incrementar el número de plazas judiciales de un partido judicial sin necesidad de crear nuevos juzgados”. Pero o certo é que iso so foi unha mera escusa para non incrementar as unidades xudiciais de Vilagarcía.

Lonxe de quedar na queixa, o PP de Vilagarcía anuncia que, a formación, a través do Grupo Popular no Congreso, presentará unha iniciativa para que, mentres a resolución que acorda crear novas unidades xudiciais non sexa definitiva, o Ministro de Xustiza reconsidere a súa decisión e dea explicacións deste novo revés, da mán do PSOE, para a nosa cidade.

«O noso compromiso é cos vilagarciáns. Imos continuar defendendo os intereses de Vilagarcía alá onde faga falta porque os nosos veciños merecen unha xustiza áxil, moderna e con recursos», conclúe Ana Granja dende o Partido Popular.