O PP denuncia o forte retraso na execución da 2ª fase da Vía Verde de Chapela pola “mala conciencia” do goberno local ao negarse a recibir e recoller as suxestións dos veciños
Redondela, 23 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar o forte retraso do goberno local no inicio das obras de execución da 2ª fase da Vía Verde de Chapela, que vai ser financiada pola Deputación de Pontevedra, e achaca este adiamento á “mala conciencia” do executivo de Digna Rivas por negarse a recibir e a recoller as suxestións dos veciños afectados.
“É moi sospeitoso que unha achega concedida o 19 de abril do ano pasado para unha obra de interese que ademais foi adxudicada o pasado mes de outubro, hai máis de seis meses, aínda non comezara, pero entendemos que débese ao temor do goberno local á posible contestación social e malestar dos veciños, aos que non reciben nin escoitan para incorporar as súas demandas razonables ao proxecto por razóns que ninguén entende”, manifestou o voceiro, Javier Bas.
Por este motivo, os concelleiros do PP veñen de visitar a zona afectada polos traballos e manter unha reunión cos veciños do lugar de Angorén para recoller as súas suxestións e reiteralas no pleno de mañá á noite a través dun rogo, como xa fixeron hai cinco meses, “pero desgrazadamente caeron en saco roto porque o goberno nin atende nin entende nin escoita aos veciños”.
Entre as demandas veciñais, que serán trasladadas ao pleno deste xoves, figuran a recollida das augas, a privacidade das vivendas, a garantía dos accesos, a reparación das escaleiras e a limpeza da contorna.
Para o PP redondelán hai dúas cuestións especialmente graves no desenvolvemento deste proxecto. Por unha banda, o retraso na execución dunha obra moi demandada que daría continuidade á primeira fase e que pode executarse grazas a unha achega de 315.553 euros da Deputación de Pontevedra na súa aposta por estas sendas, xa que os populares non entenden esta “lentitude” para comezar uns traballos contratados en outubro.
E por outro lado, o PP considera “inadmisible” que, despois dun ano, non se lle responda ás peticións de reunión, cursadas por rexistro, polos veciños e nin sequera se lles atenda as chamadas telefónicas para escoitar as súas peticións. “Un goberno que non escoita á súa xente non é digno de dirixir Redondela”, apostillou Bas, que esixe que se reúnan cos afectados, inclúan as súas demandas e comecen a obra de inmediato.