O PP denuncia o emprego irregular de espazos municipais no Concello de Mondariz Balneario para a difusión de publicidade partidista do BNG
Mondariz Balneario, 8 de abril de 2026
O grupo municipal do PP de Mondariz Balneario vén de denunciar o emprego irregular de espazos municipais no Concello para a difusión de publicidade partidista e electoral do BNG “nun intento lamentable de extender a ideoloxía e as propostas deste partido nun espazo que é de todos e que, en todo caso, non se ofreceu ao resto de forzas”
Os populares revelaron que hai folletos de información orgánica dos nacionalistas co lema “Co BNG, Galiza gaña” en mesas e postos informativos da casa consistorial e ademais atópanse xunto a outro material con información variada de índole institucional, o que supón unha situación totalmente anómala e ilegal nos espazos públicos da administración local.
Neste senso, o PP local esixe a súa inmediata retirada ao considerar que se trata dun uso totalmente indebido por supoñer un tratamento claramente favorecedor da forza política que sustenta ao executivo municipal de César Gil.
A voceira municipal, Marisa Domínguez, lamentou que o Bloque trate de confundir e empregar a institución “como se fose a sede do BNG en vez do lugar onde se ten que atender e tratar a todos os veciños do mesmo xeito con independencia das súas afiliacións ou preferencias políticas”.
Ademais, a concelleira popular explicou que as administracións locais poden ter un espazo específico e debidamente indicado e sinalizado para a colocación e distribución de información dos distintos partidos, pero recalcou que este non é caso de Mondariz Balneario “posto que non se informou do mesmo ao resto de formacións e porque a citada publicidade do BNG non figura nun lugar onde se detalle que é información política, polo que estamos ante un uso sectario e un trato de favor impulsado polo alcalde para potenciar exclusivamente ao seu partido”.
Ao respecto, indicou que, se o rexedor considera axeitado habilitar un espazo informativo para cuestións políticas, pode facelo, pero ten que cumprir coa regulamentación para o mesmo e debe estendelo a todos os partidos, alomenos con representación na corporación, e sen excluír ao PP.