O PP denuncia o desmantelamento dos servizos municipais pola externalización e o teletraballo e casos de nepotismo coa contratación de ex cargos socialistas

Forcarei, 22 de febreiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Forcarei vén de denunciar o paulatino desmantelamento e empeoramento do funcionamento e da atención veciñal nos servizos e departamentos do Concello pola decisión da alcaldesa, Verónica Pichel, de apostar pola externalización do persoal e pola súa permisividade co teletraballo. Ademais, tamén revelan a existencia, neste proceso de substitución de traballadores, de casos de nepotismo pola contratación de ex cargos socialistas para asumir algúns destes traballos sen que medie ningún tipo de proceso de contratación público e transparente.
Os populares informaron que a rexedora decidíu prescindir do anterior arquitecto a finais do pasado ano, malia que realizaba un gran traballo e tiña unha gran aceptación entre os veciños, xa que á súa valía profesional se engadía unha presencialidade permanente que facilitaba as consultas e as xestións no departamento de Urbanismo.
Sen embargo, e segundo desvelaron desde o PP, vén de ser substituído pola ex deputada socialista María Pierres arquitecta de profesión e amiga da alcaldesa, coa que comparte a súa procedencia de Pontevedra. Os populares, máis alá do suposto trato de favor por esta contratación sen que se realizase o correspondente proceso en concorrencia para favorecer a igualdade de oportunidades, lamentan a que a nova encargada destas cuestións urbanísticas “parece que está máis ben para cobrar e facer desde o seu despacho na capital os traballos que lle encarga a alcaldesa, porque apenas acude ao consistorio no que supón unha clara redución da atención aos forcaricenses”.
Ademais deste claro recurte en Urbanismo, os populares tamén lamentan a desaparición de ata persoas que se encargaban ata a data dos principais traballos nas áreas de Secretaría e Intervención e o traspaso destas tarefas a xente externa que, principalmente, realiza estas funcións a través do teletraballo. Para o PP estas circunstancias prexudican moito aos veciños e, sobre todo, ás decenas de provedores que preguntan polas constantes retrasos das facturas impagadas e pendentes, xa que cómpre lembrar que o goberno local ten centos de miles de euros de traballos, obras e servizos sen abonar cada trimestre, segundo revelan os informes oficiais do Ministerio de Hacienda.
“Hai un claro deterioro dos servizos públicos do Concello e da atención aos veciños de Forcarei, xa que antes da chegada do goberno socialista primaba a eficiencia, a profesionalidade e unha atención presencial durante todas as mañás de luns a venres. E agora, con esta política de externalización que só busca un control policial do funcionamento do Concello e coa aposta polo teletraballo como se estivésemos en pandemia, os forcaricenses están desatendidos e abandonados e o normal é que vaian ao Concello a facer as súas xestións, non haxa quen os atenda e só perdan o tempo”, lamentou a voceira municipal, Belén Cachafeiro, que anunciou que, ademais de solicitar que se revirta esta situación, pedirán explicacións e información sobre a contratación da arquitecta socialista.