O PP denuncia as taxas “estratosféricas” das actividades de conciliación estival e solicita a súa rebaixa xa para este ano “para non sablear ás familias”

O Grove, 23 de maio de 2026

O grupo municipal do PP do Grove vén de denunciar as taxas “estratosféricas” das actividades de conciliación estival impulsadas polo Concello para este verán, xa que son, de longo, das máis elevadas da provincia de Pontevedra, polo que solicita a súa rebaixa xa para este ano “para non sablear ás familias con algo tan básico e necesario para que poidan aunar o seu traballo co coidado dos cativos sen empeñarse”.

Os populares indicaron que o programa Conciliagrove ten fixadas unhas tarifas de 130 euros mensuais por neno cunha atención matinal de ata cinco horas nos días laborables e que as mesmas elévanse ata os 155 euros en caso de inscribirse tamén no Plan Madruga.

“Son uns prezos totalmente esaxerados que deben modificarse con urxencia”, manifestou a voceira municipal do PP, Carolina Otero, que revelou que estas contías non resisten comparación cos demais concellos, posto que Vilagarcía cobra 90 euros mensuais por un horario de atención similar –e 135 euros polos dous meses do verán a razón de 67,5 euros por quenda–, Caldas de Reis ten fixado un prezo de 65 euros mes, Poio percibe 40 euros por mensualidade e incluso outros concellos como Forcarei e Moraña ofréceno de balde.

“Vemos como moitísimos concellos de todas as cores políticas ofrecen uns prezos un pouco máis altos ou menos, pero relativamente asequibles e, desde logo, moitísimo máis baixos que O Grove, polo que cremos que, xa que aínda quedan cinco semanas para que comece estas actividades, o Concello ten tempo para actuar de urxencia e aprobar unha modificación destas taxas totalmente esaxeradas”, reclamou a concelleira popular.

De feito, Carolina Otero advertíu de que as tarifas de conciliación impostas polo goberno socialista están totalmente “fóra de mercado” no ámbito público e non aguantan a comparativa con servizos similares de practicamente todos os municipios da provincia, polo que lamentou que o concello meco “cobre como se fose unha ludoteca privada en vez de ofrecer un servizo público máis axustado, polo que máis que axudar ás familias a conciliar este verán estalles inflinxindo unha forte carga económica”.