O PP de Vilagarcía propón ampliar a cinco anos a cesión dos centros sociais para que as asociacións poidan acceder as axudas da Deputación
Vilagarcía de Arousa, 22 de xaneiro de 2026
O Partido Popular de Vilagarcía presentará no vindeiro Pleno unha moción para solicitar ao goberno de Ravella a modificación dos convenios de colaboración coas asociacións que xestionan os centros socioculturais municipais. O obxectivo é ampliar o prazo de cesión, dos dous anos actuais a un mínimo de cinco, unha medida técnica sinxela que permitiría ás entidades veciñais acceder a importantes liñas de financiamento externo.
Dende o PP explican que a Deputación de Pontevedra conta co Plan +Provincia Comunitaria, que ofrece axudas específicas de entre 6.000 e 10.000 euros para a reforma, mellora e compra de equipamento destes locais. Porén, a Deputación esixe como requisito que a asociación dispoña da cesión do inmoble por, alo menos, cinco anos. “Actualmente, os convenios que firma o Concello son só por dous anos. Isto supón un muro burocrático que deixa ás nosas parroquias fóra de xogo e sen posibilidade de recibir cartos para mellorar os seus centros”, lamentan.
O PP destaca que esta medida beneficiaría directamente as arcas municipais. Actualmente, o Concello limita a súa achega a un máximo de 2.000 euros anuais por centro para mantemento básico, unha cantidade claramente insuficiente. “Se permitimos que as asociacións consigan cartos da Deputación para melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade ou renovar mobiliario, estamos revalorizando o patrimonio de todos os vilagarciáns a custo cero para o Concello. É unha oportunidade de ouro que non podemos perder por unha teima administrativa”, conclúe o PP.