O PP de Vilagarcía levará ao pleno unha moción para impulsar un plan de prevención de inundacións nas zonas urbanas

Vilagarcía de Arousa, 24 de novembro de 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Vilagarcía defenderá no pleno ordinario deste xoves unha moción destinada a pór en marcha un plan integral de prevención de inundacións mediante a limpeza e mantemento de cunetas, sumidoiros e reixas pluviais.

A proposta chega despois de que as últimas choivas intensas volveran provocar anegamentos en distintas rúas do municipio, sobre todo as peatonais recentemente reformadas, afectando tanto a veciños como a negocios. O PP lembra que estes episodios son recorrentes e que, malia ás demandas da cidadanía e ás reclamacións realizadas pola formación ao longo dos últimos anos, continúan producíndose polas deficiencias de mantemento e pola falta de actuación preventiva por parte do goberno local “Levamos moitos anos reclamando unha actuación a longo plazo, que poida dar solucións” explica Ana Granja.

Na moción, o PP subliña que as novas obras impulsadas polo executivo municipal, como Clara Campoamor ou o Skatepark, agravaron a situación ao quedar inundadas coa primeira chegada de choivas, evidenciando a necesidade dun control máis rigoroso das infraestruturas municipais “os veciños quéixanse de que as obras novas non solucionen as inundacións, é máis, algunha as incrementa” sinala Granja.

Tamén destaca que, ante o aumento da frecuencia e intensidade das precipitacións, é imprescindible asegurar que toda a rede de canalizacións se atope limpa e preparada para permitir a correcta circulación da auga

A iniciativa do Grupo Popular solicita tres medidas principais:

  1. A limpeza de todas as reixas de pluviais, sumidoiros, cunetas e demais canalizacións cuxo mal estado poida incrementar o risco de inundacións.
  2. O estudo das condicións urbanísticas das zonas con potencial risco de anegamento no termo municipal.
  3. A adopción das actuacións necesarias para evitar as inundacións que se producen nos pasos elevados

O PP de Vilagarcía espera que todos os grupos da Corporación apoien esta proposta, orientada a previr danos materiais, mellorar a seguridade viaria e responder ás necesidades dunha veciñanza que leva anos sufrindo as consecuencias dun mantemento insuficiente.