O PP de Vilagarcía advirte do “estado lam-entable” do pavillón municipal de Carril

Vilagarcía de Arousa, 27 de xaneiro de 2026.

O Partido Popular de Vilagarcía advirte do “estado lamentable” do pavillón municipal de Carril e solicita ao goberno local unha intervención urxente. Tras recoller as queixas de numerosos veciños, pais e nais, así como dos clubs que adestran a diario nestas instalacións, os populares cualifican de “inadmisible” a situación de deterioro que presentan estas instalacións municipais. Un pavillón que, a pesar de ter sido obxecto de supostas melloras recentes por parte do goberno local, segue a presentar problemas graves que poñen en risco a seguridade dos usuarios.

Entre as principais deficiencias destacan as persistentes goteiras que, a día de hoxe, manteñen practicamente o 80 % da pista inundada e obrigan a colocar baldes e toallas para recoller a auga, ademais do desagradable estado dos vestiarios. Estas cuestións xa foran denunciadas polo grupo municipal do PP, e levadas a Pleno, no ano 2023. Pola súa banda, a solución do executivo de Alberto Varela foi colocar uns deshumidificadores e anunciar unhas obras para acabar coas filtracións, e que, a todas luces, resultaron ser outra chapuza máis deste goberno.

“Facer as cousas dúas veces por non facelas ben á primeira, sálenos moi caro a todos. O que pasa en Carril non é un erro puntual, é unha falta de planificación crónica neste Concello. Recepciónanse obras sen rematar e fanse parches cando o que se necesita é unha reforma integral”, apunta Ana Granja. “Non se trata de presumir de inversións, senón de que resolvan problemas. Neste caso, poden dar os números que queiran, a realidade é que chove dentro e non se pode utilizar”, indica a portavoz.

A situación chegou a tal punto que os clubs deportivos tiveron que suspender adestramentos polo mal estado da pista. Para o PP, o deporte base é un piar fundamental en Vilagarcía e non se pode permitir que os nenos e mozos teñan que adestrar en condicións de humidade ou con risco de resbalóns e danos físicos polo mal estado das instalacións.