O PP de Vilaboa denuncia que o alcalde excluíu sen explicación a moción sobre a seguridade xurídica dos cemiterios e do seu inventario malia que foi presentada en prazo
Vilaboa, 28 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Vilaboa vén de denunciar que o alcalde, César Poza, excluíu da orde do día do pleno, sen explicación algunha, unha moción presentada polos populares relacionada coa seguridade xurídica dos cemiterios malia que fora rexistrada en prazo.
O PP de Vilaboa denuncia que esta proposta, presentada o pasado día 6 de novembro e referida á necesidade de corrixir os graves erros detectados no inventario municipal dos cemiterios para garantir os dereitos de propiedade dos veciños, foi excluída da orde do día do pleno convocado para o próximo luns 1 de decembro sen ningunha explicación nin comunicación previa.
A moción, rexistrada correctamente e con máis de 20 días de antelación, solicitaba:
- A revisión técnica e xurídica dos bens inventariados.
- A clarificación entre dominio público e propiedade privada.
- O respecto aos dereitos reais e persoais existentes nas fincas onde se asentan os cemiterios.
Ante esta situación, o voceiro popular, Alberto Acuña, considera “grave e inaceptable” que unha proposta presentada en prazo “e dun tema do máximo interese para a veciñanza” sexa silenciada polo rexedor, que é o único responsable de fixar a orde do día do pleno “e que con esta actitude semella que ten algo que agochar”.
“Unha moción relacionada cos dereitos dos veciños e coa seguridade xurídica dos cemiterios non pode desaparecer dun pleno por decisión política. Isto non é transparencia nin bo goberno”, sinalou o concelleiro.
Polo tanto, o PP xa presentou un escrito solicitando:
- Que se expliquen as razóns da exclusión.
- Que a moción sexa incluída no próximo pleno.
- Que se respecte o dereito dos concelleiros a debater e votar os asuntos rexistrados.
- Que o Secretario Municipal informe sobre a legalidade desta exclusión.
Finalmente, o PP de Vilaboa lembra que “o goberno recoñeceu os erros nos inventarios dos cemiterios”, polo que resulta “aínda máis inexplicable” que se evite o debate público e institucional.