O PP de Vila de Cruces elixe por unanimidade a José Luis Villaverde Gestal como presidente da xunta xestora nun encontro coa presenza de Luis López e Román Rodríguez

Luns, 22 de xuño de 2026

O PP de Vila de Cruces celebrou esta fin de semana un encontro do comité local no que se elixíu por unanimidade a José Luis Villaverde Gestal como presidente da xunta xestora nun encontro que contou coa presenza do presidente provincial, Luis López, e do coordinador comarcal dos populares no Deza, Román Rodríguez.

A reunión servíu para rearmar o partido despois do recente anuncio de retirada de Jesús Otero, que abandona deste xeito de modo inmediato as súas responsabilidades orgánicas, pero que manterá a representación institucional ao fronte do grupo municipal ata o final do mandato para cumprir co seu compromiso cos veciños de Vila de Cruces.

Deste xeito, o PP cruceño abre unha nova etapa dirixido por José Luis Villaverde, que foi concelleiro do goberno local durante 16 anos entre 2003 e 2019. Pero en todo caso, o novo presidente recalcou que asume este cargo “coa máxima responsabilidade, ilusión e orgullo”, pero circunscribiu o seu labor exclusivamente á reorganización da agrupación local, xa que deixou claro que en ningún caso será o candidato do PP en 2027.

“O máis importante de todo é o partido e o proxecto co que debemos recuperar a confianza maioritaria dos cruceños e a iso voume adicar en corpo e alma durante este tempo. Creo que é un traballo suficientemente intenso como para estar inmerso en cuestións de candidatura, polo que o meu único obxectivo é que todo este perfectamente engraxado para que o candidato ou candidata teña o partido nas mellores condicións para tentar recuperar a Alcaldía”, manifestou Villaverde.

Nesta nova etapa, o presidente local estará acompañado na nova xunta xestora por Ramón Otero, Aroa Penido, Nicolás Castro, Andrés Quinteiro, Maricarmen Montes, Ramón López, Ramón Barcala e Ramón Dasilva.

 

“O PP cruceño acertou de cheo”

Agora, tras a proposta do PP de Vila de Cruces, o nomeamento oficial deste equipo terá que ser ratificado e aprobado polo Comité Executivo Provincial na súa próxima sesión, aínda que o propio Luis López xa adiantou que será un formalismo, posto que a dirección provincial “sempre respecta a autonomía local e as decisións tomadas polas agrupacións, pero é que ademais neste caso creo que o PP cruceño acertou de cheo coas persoas e co modo de funcionamento para este tempo”.

Finalmente, o presidente provincial quixo expresar o seu agradecemento a Jesús Otero pola súa “xenerosidade e traballo” e polo seu posicionamento para que a nova xestora tome todas as decisións de futuro e desexoulle moita sorte a José Luis Villaverde e aos seus compañeiros, “xa que teñen a enorme de responsabilidade de atinar co proxecto e coas persoas para que Vila de Cruces volva á senda do sentidiño, os investimentos e a atención cercana aos veciños tras dous mandatos que deben quedar atrás canto antes”.