O PP de Vila de Cruces celebra o seu Encontro de Nadal con Luis López e Román Rodríguez

Venres, 5 de decembro de 2025

O Partido Popular de Vila de Cruces celebrou onte no restaurante Don Din o seu tradicional Encontro de Nadal cos militantes coa participación do presidente provincial do PP de Pontevedra e da Deputación, Luis López, e do conselleiro de Educación e coordinador comarcal do PP no Deza, Román Rodríguez.

Os populares cruceños, encabezados polo presidente local, Jesús Otero, aproveitaron para felicitarse as festas de Nadal e para comezar a engraxar a maquinaria do partido de cara á cita coas eleccións municipais de 2027.

O presidente provincial deulle os parabéns a toda a agrupación polo «gran traballo e a unidade» malia as difíciles circunstancias actuais tras a perda da Alcaldía e amosou a súa confianza en que a fortaleza do equipo e do proxecto do PP de Vila de Cruces «son as mellores ferramentas, e as máis importantes, para tentar recuperar canto antes o goberno local».