O PP de Tui lamenta que o alcalde avogue por facerse “o mártir” para desviar a atención pola súa incapacidade tras perder a confianza do pleno e cre que o seu illamento apunta a “un fin de ciclo” no Concello
Tui, 3 de xullo de 2025
O grupo municipal do PP de Tui vén de lamentar que o alcalde, Enrique Cabaleiro, avogue por facerse “o mártir” acusando falsamente á oposición de bloquear e paralizar os orzamentos e o funcionamento do Concello e cre que con esa estratexia vitimista tras perder a confianza do pleno só pretende desviar a atención pola súa incapacidade e falta de diálogo. “O seu absoluto illamento e enrocamento apunta claramente a un fin de ciclo no Concello despois dunha década na Alcaldía”, manifestou o voceiro municipal, Nico Montes.
O concelleiro do PP concretou que o proxecto económico é “rotundamente malo” polo que non lle poden prestar o seu apoio, pero anunciou que van quedar aprobados dentro dun mes cando venza o prazo da Cuestión de Confianza perdida polo alcalde sen que se presente ningunha moción de censura, unha cuestión totalmente desbotada polo PP, xa que o PSOE gañou as pasadas eleccións e ten a responsabilidade de gobernar.
En todo caso, o edil popular indicou que a aprobación dos orzamentos a través desta estrataxema “só lle vai server para sacar adiante este documento, pero para nada máis, porque vai ter que cambiar de actitude e negociar e dialogar coa oposición porque está abocado a negociar os temas e os investimentos para aprobalos en pleno, senón todo seguirá igual de atascado”.
“Se sempre se queda só, e máis fronte a grupos tan diferentes como PP e BNG, é que o problema é do alcalde polo seu desprezo aos demais. É un mentiroso, como demostrou cando dixo que tiña un acordo con nós, e ten a credibilidade baixo mínimos, pero a xente está farta do seu despreo aos demais, da súa absoluta pérdida de control do Concello e da súa falta de vontade de diálogo”, aseverou, antes de indicar que as súas xustificacións dunha pinza ou un pacto PP-BNG “dan a risa e caen polo seu propio peso, porque somos dos partidos totalmente opostos e porque, se tivéramos ese acordo, habería unha merecida moción de censura que está descartada”.
Ademais, Nico Montes tamén ironizou co malestar que ten o rexedor pola perda de confianza á súa figura por parte do pleno e polo prazo dun mes para que se aproben os orzamentos: “Agora preocúpanlle os prazos e ter que agarda trinta días, como se os orzamentos foran resolver algo cando o que vai arranxar as cousas ten que ser o seu cambio de actitude. Pero en todo caso non o vimos tan preocupado polos tempos cando perdeu absolutamente os dous primeiros anos de mandato sen facer nada”.
“A confianza non se impón, a confianza gáñase, e o alcalde non a ten nin da maioría da corporación nin da maioría dos veciños, polo que, de seguir así, está claro que non é a persoa preparada para gobernar a cidade de Tui”, concluíu o voceiro popular.