O PP de Tui lamenta a “total falta de planificación” nas obras das piscinas municipais durante o verán o califica de “inadmisible” o seu peche na época estival

Tui, 16 de xuño de 2025

O grupo municipal do PP de Tui vén de lamentar a “total falta de planificación” no deseño do cronograma das obras de mellora das piscinas municipais, posto que as mesmas se executarán durante o verán, o que producirá o seu peche durante esta época estival. “É inadmisible que esta instalación non poida ser empregada nestes meses”, aseverou o voceiro municipal, Nico Montes.

Os populares amosaron o seu malestar pola xestión desta iniciativa realizada polo goberno socialista, posto que a obra está orzamentada en 290.000 euros e conta cunha achega do Goberno de España que é a que obriga a facer a reforma neste momento, xa que ten que xustificarse antes do 31 de decembro.

“Non pode ser que por unha axuda estatal de 189.000 euros, que tampouco é unha cantidade millonaria e tan importante como para non poder conseguila doutro sitio, e que ten que estar certificada antes de final de ano, os tudenses non dispoñan do seu principal punto de lecer e esparcemento durante o verán!, sinalou o concelleiro popular.

O edil se pregunta se a economía municipal está tan mal para que esta achega do Goberno “cuxos tempos cadraban fatal á vista dos feitos” sexa tan imprescindible para acometer a obra xerando a fatal consecuencia de que as piscinas vaian estar pechadas durante o verán.

“Un goberno eficiente faría as obras, dado que teñen un prazo de execución de oito meses, a partires de setembro, co cal non entorpecerían ningunha campaña de verán e, en canto ao financiamento, se non se puidese acceder ao do Goberno, buscaríase noutra administración ou con fondos propios, que Tui ten case 12 millóns de orzamento e estamos a falar do 1% do total”, manifestou o voceiro popular.

Finalmente, Nico Montes lembrou que esta situación de falta de planificación “non é nova e xa chove sobre mollado” e criticou que as “erráticas xestións” nos prazos e épocas dos investimentos sexan reiteradas, posto que lembrou que, con anterioridade, acometeuse a mellora e humanización do Mercado en plena campaña de Nadal e procedeuse ao levantamento e reforma da Corredoira coincidindo coas Festas de San Telmo.