O PP de Tui incorporará a Jorge Lima ao Grupo Municipal en substitución da concelleira Pilar Gregores, que acaba de rexistrar a súa renuncia á acta no Concello
Tui, 24 de outubro de 2025,
O grupo municipal do PP de Tui vén de anunciar a próxima incorporación de Jorge Lima Durán, número 10 da candidatura nas Eleccións Municipais 2023, en substitución da concelleira Pilar Gregores, que acaba de formalizar a súa renuncia á acta co correspondente rexistro no Concello.
O voceiro municipal, Nico Montes, aclarou que Pilar Gregores expresou publicamente a súa intención de deixar o grupo municipal, pero deixou ben claro que mantiña o seu compromiso co PP e con Tui.
“Pilar decidiu ceder a súa acta para facilitar a renovación do grupo, que é algo que enriquece e engrandece ao PP de Tui porque creo moito na diversidade. Nós respectamos a súa decisión”, revelou o tamén presidente do PP local.
Nico Montes agarda que, tras a renuncia de Pilar Gregores, se cursen canto antes as credenciais de Jorge Lima para facilitar a súa inmediata incorporación “co obxectivo de manter un grupo municipal forte, de seis concelleiros, tantos como ten o goberno local, para defender todos os días e na rúa aos veciños fronte a unha situación de parálise que está a levar a Tui por un mal camiño”.
Finalmente, o voceiro quixo deixar claro que as distintas achegas que se producen no PP tudense “ao final sempre fan máis grande e máis amplo o proxecto que queremos para o futuro de Tui”. Ademais, agradeceu a concelleira o seu gran traballo e adicación destes anos e desexou sorte a Jorge Lima na súa próxima incorporación.